O proxecto de mellora xenética do porco celta recibe unha achega

TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa
A Xunta achegará 123.000 euros a un proxecto de colaboración para a mellora xenética do porco celta co fin de potenciar a competitividade.
porco celta
25 Jun 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) achegará un total de 123.438 euros para financiar un programa de avaliación do porco celta que ten como principal obxectivo favorecer a selección e mellora xenética que permita garantir a continuidade desta raza autóctona galega.

Trátase de deseñar un procedemento de avaliación xenética de individuos desta raza porcina que poida permitir o establecemento dun programa de aumento da súa poboación e definir liñas xenéticas reprodutivas, multiplicativas e de produción.

Así o avanzou o director da Agacal, José Luis Cabarcos, nunha visita a unha explotación de porco celta en extensivo no concello lugués de Friol.

Para a realización destes fins, estableceuse un acordo de colaboración entre o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, adscrito á Agacal, a Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) e o Centro Tecnolóxico da Carne (tamén dependente de Medio Rural). Este convenio permitirá impulsar o devandito programa de valoración de animais reprodutores, que garantan a continuidade da raza, con liñas xenéticas ben diferenciadas en función de obxectivos de selección. A idea é establecer os mellores cruzamentos dispoñibles, co fin de obter información útil para as gandarías colaboradoras e para os propios xestores do libro xenealóxico da raza.

Ao tempo, contémplase o fomento dun sistema de aproveitamento silvopastoril con base nesta raza, que se considera do máximo interese para o aproveitamento de terreos infrautilizados e para a preservación e control da biomasa mediante a actividade propia destes animais. Así, valórase a súa potenciación mediante estudos e investigacións que melloren o seu posicionamento.

Libro xenealóxico

Neste acto, o director da Agacal e o delegado territorial reafirmaron o apoio da Xunta á asociación de criadores Asoporcel, que se materializou nunha achega de 820.000 euros dende o ano 2016 ata a actualidade, dentro do programa de axudas destinadas á xestión do libro xenealóxico desta raza. Ademais, o delegado salientou que Asoporcel é a única entidade desta natureza que ten a súa sede en Lugo e puxo en valor a súa colaboración coa comunidade do monte veciñal en man común de Carballo, en Friol, na liña de explorar métodos de cría mediante o aproveitamento silvopastoril do terreo forestal. Con estas prácticas redúcense os custos de produción, elévase a calidade do produto, contribúese á axeitada xestión da biomasa e procúrase unha alternativa de ingresos para a economía das zonas rurais.

Asoporcel realiza accións de promoción do porco celta e tamén de asistencia directa aos produtores. Encárgase da xestión do libro xenealóxico, desenvolve un programa sanitario propio para os asociados e impulsa a comercialización, axudando na creación e difusión de marcas comerciais baixo o distintivo de calidade 100% Raza autóctona porco celta.

Actualmente están rexistrados en Galicia un total de 4.141 exemplares de porco celta, dos que 746 son nais e 181 sementais, nun total de 138 gandarías colaboradoras.

0.16562795639038