O proxecto Life in Common Land propón o pago ás comunidades de montes

TerraChaXa | AMariñaXa
O proxecto 'LIFE in Common Land' da UE propón o pago a Comunidades de Montes para garantir a biodiversidade da Rede Natura 2000 en Galicia
equipo estudo life in common land xistral
equipo estudo life in common land xistral
23 feb 2023

“O pago por resultados de conservación ás comunidades de montes pode ser o futuro para as persoas que desenvolven as súas actividades gandeiras en zonas naturais protexidas de Galicia, como a Rede Natura 2000, e ás que se lles recoñece un papel fundamental na súa conservación”. Esta é unha das conclusións máis destacadas do Informe Layman, un documento recentemente publicado e que pasa revista ao proxecto Life in Common Land: Xestión en común da terra, un modelo sostible de conservación e desenvolvemento rural en Zonas Especiais de Conservación. Esta iniciativa, cofinanciada por LIFE Natureza e Biodiversidade da Unión Europea, desenvolveuse en once montes veciñais en man común do Espazo Rede Natura 2000 Serra do Xistral que ocupan unhas 11.000 hectáreas. A iniciativa está coordinada pola Deputación de Lugo e participan como socios a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña.

O Informe Layman detalla os traballos e resultados obtidos a través da colaboración entre os axentes implicados na conservación do Espazo Rede Natura 2000 Serra do Xistral, situada no norte de Lugo. O traballo tamén alerta do risco de extinción do ecosistema. E lanza un urxente SOS: “Conservar para as xeracións futuras hábitats tan importantes como as turberas e brezales húmidos da Serra do Xistral require dunha aposta urxente pola xestión comunal, os sistemas tradicionais de gandería e os cabalos salvaxes”.

O proxecto LIFE in Common Land desenvolto en Galicia aposta polo innovador modelo de xestión por resultados de conservación, que se aplica no territorio a través de Proxectos de Ordenación Forestal dos Montes e que trata de integrar as actividades gandeiras e o manexo tradicional dos cabalos salvaxes coa conservación de hábitats. Este modelo inclúe a protección e conservación do ecosistema na xestión que as comunidades de montes realizan nos seus terreos. “E non o fan como algo imposto, senón poñendo en valor e recoñecendo a función que bestas e gando vacún cumpren para manter estes espazos de montaña en Galicia”, destacan os autores do informe, que estima que na Serra do Xistral existe unha poboación estimada de 1.500-2.000 cabalos salvaxes.

O novo modelo de xestión por resultados de conservación, á súa vez, conta cunha ferramenta que xa é realidade. O Informe Layman cre que o pago por resultados de conservación que “se logrou implementar” ás comunidades de montes da Serra do Xistral cunha cantidade económica recibida que alcanzou os 300.000 euros, representa “un cambio de fronte ao futuro”. Por que? “Porque estes pagos poden ser o futuro para estas persoas que desenvolven as súas actividades gandeiras en zonas protexidas e ás que se lles recoñece un papel fundamental na súa conservación”, indica o traballo que realizou 54 enquisas e 32 entrevistas a comuneiros e besteiros. O pago realizouse en función da superficie e estado de conservación dos hábitats obxecto do proxecto: turberas de cobertor, turberas altas activas e brezales húmidos atlánticos.

Éxito en Europa

O pago por resultados de conservación é un modelo exitoso noutras zonas de Europa. O programa Burren en Irlanda “é sen dúbida o exemplo máis notable”, comentan os autores do Informe Layman. A filosofía desta ferramenta é clara e sinxela: “Os comuneiros non só producen alimentos, senón que tamén garanten a biodiversidade dos hábitats que xestionan e reciben un pago por iso”. “De gandeiros a gardiáns da biodiversidade, un rol valorado pola sociedade e polo cal recibirán un pago”, comentan ao unísono os integrantes do equipo que traballou durante cinco anos na Serra do Xistral e que está formado por Luís Fernández Reija e Andrea Macho Benito (Deputación de Lugo); Ramón A. Díaz Varela, Emilio R. Díaz Varela, César A. Blanco Arias e R. Alfonso Laborda Bartolomeu (Universidade de Santiago de Compostela); Jaime Fagúndez Díaz, Laura Lagos Abarzuza, Flávia Cardoso Canastra, Carlos Muñóz Barcia, Manuel Pimentel Pereira e Elvira C. Sahuquillo Balbuena (Universidade da Coruña); Boris Fiúncho Sánchez, Marcos Rubinos Román e Ángela Saa Martínez (3edata) e Iñaki Cortés e Bea Iraburu (Kaizen Eureka).

“Pensemos en todos os cambios que implica o pago por resultados de conservación”, reiteran os autores do Informe Layman, que lembran que supoñería “un cambio na valoración da Rede Natural 2000, de limitacións a un patrimonio natural que os propios comuneiros conservan a través da súa propia actividade”. A implantación desta ferramenta noutras zonas de Europa xerou e desenvolveu marcas de bens e produtos de agricultura e gandería asociados á conservación da biodiversidade. Por exemplo: carne, produtos lácteos, mel, viños ou sidra.

A continuidade a través da PAC

O Informe Layman e, por conseguinte, o proxecto LIFE in Common Land: Xestión en común da terra, un modelo sostible de conservación e desenvolvemento rural en Zonas Especiais de Conservación cre que está pendente unha última fase que considera “necesaria” e que, á súa vez, reclaman as comunidades de Mmontes participantes nesta iniciativa que conta co respaldo financeiro da UE. Cal é ese último paso? “Dar viabilidade e continuidade a este sistema de pagos por medio dos Plans Estratéxicos da Política Agracia Común (PAC)”. O modelo de xestión por Resultados de Conservación de hábitats de LIFE in Common Land “converteríase así nunha opción de futuro para as persoas que van seguir habitando e conservando a Serra do Xistral e outras zonas da Rede Natural 2000 en Galicia”.

LIFE in Common Land realizou tamén accións de mellora e restauración de hábitats. Os técnicos do proxecto destacan con orgullo a súa actuación estrela: a eliminación de piñeirais para a restauración de turberas de cobertor. “Outra xestión é posible”, asegura o equipo de investigadores, que recorreu a técnicas innovadoras e que destaca que “o importante é facer ver aos gandeiros que traballan nestes montes que restaurando hábitats gañamos todos”. Os hábitats sensibles das turberas teñen a propiedade de capturar o carbono que se libera á atmosfera. “Pero actualmente atópanse en risco”. O Informe Layman, neste sentido, propón “implementar novas ferramentas de xestión, lexislativas e proxectos de restauración” para protexer estes ecosistemas.