O PSdeG apoia as familias do colexio de Begonte e esixe á Xunta que recupere a terceira aula de infantil

GaliciaXa | TerraChaXa
Lara Méndez denuncia que “o PP fala de defender a escola pública e o rural, pero comezamos o curso con familias obrigadas a mobilizarse para reclamar os recursos que precisan os seus fillos e fillas”
reunion-psoe-anpa-virxe-do-corpino-begonte
16 Sep 2026

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, anunciou hoxe que as e os socialistas impulsarán iniciativas nos ámbitos municipal e provincial e no Parlamento de Galicia para apoiar as reivindicacións das familias do CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño de Begonte. A formación esixirá á Xunta que recupere a terceira unidade de educación infantil e dote o centro do profesorado e dos recursos de apoio necesarios para ofrecer unha atención adecuada a todo o alumnado.

Segundo trasladaron as familias, o colexio conta este curso con 27 alumnas e alumnos matriculados en educación infantil. Porén, un deles computa por tres debido ás súas necesidades específicas, polo que a cifra ascende a 29. As familias reclaman que este criterio se aplique á organización das aulas e se desdobre esta etapa educativa, así como unha dotación suficiente de profesorado especialista en Pedagoxía Terapéutica para atender as necesidades existentes tanto en infantil como en primaria.

O curso pasado o centro dispoñía de tres unidades e tres docentes de infantil para 30 escolares, mentres que este ano mantén unicamente dúas aulas e dous profesores. As familias mobilizáronse coincidindo co inicio do curso para facer visible esta situación e reclamar unha solución.

A Consellería comunicou que non autorizará o desdobramento da aula de infantil e anunciou, como resposta, a incorporación dun docente especialista en Pedagoxía Terapéutica para prestar apoio tanto en infantil como en primaria. As e os socialistas consideran esta medida “necesaria, pero claramente insuficiente” para atender dúas etapas educativas.

Lara Méndez denunciou “a enorme distancia entre o discurso do Partido Popular e a realidade das aulas galegas”. “O PP fala de defender a escola pública e o rural, pero comezamos o curso con familias obrigadas a mobilizarse para reclamar os recursos que precisan os seus fillos e fillas”, advertiu.

A responsable socialista incidiu en que a situación non prexudica unicamente os nenos e nenas con necesidades específicas, senón o conxunto do alumnado. “Todos os escolares merecen recibir a atención que lles corresponde. Reducir aulas, profesorado e apoios afecta á capacidade do centro para atender adecuadamente cada neno e cada nena”, sinalou.

Pola súa banda, a secretaria xeral do PSdeG de Begonte, Susana Ferreiro, lamentou que o alcalde recomendase desconvocar a mobilización ao considerar que as protestas non conseguirían facer rectificar a Xunta. “O alcalde debería poñerse ao lado das familias e encabezar a defensa do colexio. A súa responsabilidade non é xustificar a negativa da Consellería, senón reclamar ao seu partido unha solución ás necesidades do centro e das familias”, sostivo.

Ante esta situación, o PSdeG impulsará iniciativas nos ámbitos municipal e provincial e no Parlamento de Galicia para reclamar á Xunta que autorice o desdobramento da etapa de educación infantil e garanta o profesorado e o persoal de apoio necesarios para ofrecer unha atención adecuada ao conxunto do alumnado.

“Defender a escola pública rural significa garantir que os nenos e nenas de Begonte dispoñan dos mesmos recursos e da mesma calidade educativa que en calquera outro punto de Galicia. O PP ten agora a oportunidade de demostrar que o seu compromiso vai máis alá dos discursos: escoitar as familias e achegar ao centro os recursos que necesita”, concluíu Lara Méndez.

0.14254808425903