O PSdeG considera que a alcaldesa de Rábade tenta disimular a falta de investimentos cunha foto con Rueda

LugoXa | TerraChaXa
Alejandro Martínez contrapón os case millón e medio de euros mobilizados polo Estado e a Deputación ás promesas incumpridas do PP neste mandato
alejandro-martinez-rabade
19 Sep 2026

O PSdeG de Rábade acusou á alcaldesa, Remedios González, de tentar ocultar máis de tres anos de parálise municipal con novos anuncios e promesas trala súa reunión con Alfonso Rueda. O voceiro socialista, Alejandro Martínez, criticou que o PP encare o último ano de mandato anunciando de novo futuros convenios sen concretar o importe económico, nin canto achegará a Xunta, nin cando se executarán.

“Rábade necesita xestión, feitos e resultados, non máis fotos e anuncios, nin promesas baleiras de contido. A alcaldesa debe explicar cando se van asinar eses convenios, a súa contía económica e como se van a financiar, canto vai achegar a Xunta e cando se executarán as obras. A veciñanza está cansa de promesas incumpridas e de paseos institucionais que non teñen máis recorrido nin finalidade que un par de fotos e o seu traslado a través dos medios de comunicación”, sinalou Martínez.

As e os socialistas contrapoñen esta falta de concreción aos máis de 1,4 millóns de euros mobilizados polos gobernos progresistas do Estado e da Deputación de Lugo para mellorar infraestruturas, accesibilidade e instalacións públicas no municipio. Entre estes investimentos figuran a nova pasarela peonil sobre a vía ferroviaria, promovida por ADIF con máis de 717.000 euros, e as actuacións financiadas pola institución provincial: a mellora da rúa Bautista Núñez, xa adxudicada; a finalización da avenida dos Remedios e o acceso á praza de Castelao dende a N-VI, xa aprobados; e as melloras nas instalacións do campo de fútbol municipal.

“Fronte ás promesas baleiras da Xunta do PP, están os investimentos reais do Goberno de España e da Deputación. A diferenza está nos feitos: uns mobilizan recursos económicos para mellorar Rábade e outros seguen vendendo anuncios baleiros”, subliñou o voceiro do PSdeG.

O Concello asume gastos que corresponden á Xunta

Martínez cuestionou tamén que o Concello asumise traballos de sinalización horizontal en vías de competencia autonómica, como as avenidas de Vilalba e de Galicia, malia atravesar un importante déficit económico.

“A alcaldesa agradece a boa disposición da Xunta mentres o Concello paga traballos nas súas vías, malia o déficit que arrastran as contas municipais. Tal é a desidia e o descontrol na xestión que nalgúns tramos están a pintar por riba dos fochancas da estrada. Algo difícil de entender con certo sentido común”, denunciou Martínez.

Para o PSdeG, a reunión con Rueda debería servir para conseguir compromisos efectivos e esixir á Xunta que asuma as súas responsabilidades. Os veciños e veciñas de Rábade teñen os mesmos dereitos que os de Outeiro de Rei, Friol ou Begonte.

Dende a formación consideran “indignante” que a rexedora exprese a súa satisfacción e beneplácito polo encontro, por unha foto co seu presidente de partido, sen detallar o financiamento e os prazos das melloras anunciadas. “A foto e as promesas do PP sairán nos medios e redes, misión cumprida”, advertiu o voceiro socialista.

“A alcaldesa ten que defender os recursos de Rábade e reclamar ao seu partido na Xunta que cumpra coas súas competencias. Despois de máis de tres anos de goberno, debe render contas da súa xestión e responder polo que segue pendente e polo que non se fixo”, concluíu Martínez.

0.15737390518188