O PSdeG de Abadín critica ao PP polas deficiencias na recollida de lixo en Galgao e Montouto

TerraChaXa
O voceiro socialista alerta de que, tras máis de cinco anos de denuncias, hai familias que seguen obrigadas a trasladar o lixo entre tres e catro quilómetros nos seus propios vehículos
pablo-diaz-vecinos-abadin
27 Oct 2026

O voceiro do PSdeG de Abadín, Pablo Díaz, denuncia que o goberno municipal do PP mantén sen resolver as graves deficiencias na recollida de lixo en varios núcleos das parroquias de Galgao e Montouto. Advirte de que hai familias obrigadas a trasladar os residuos ata catro quilómetros nos seus propios vehículos, malia as reclamacións que os socialistas levan ao pleno desde 2021. O grupo municipal anuncia que presentará unha nova moción na vindeira sesión para esixir que Rancaño atenda as demandas da veciñanza e garanta un servizo axeitado.

Segundo explica o PSdeG, en Samordás e Bicos, na parroquia de Galgao, os veciños e veciñas levan anos tendo que desprazarse grandes treitos para depositar o lixo porque carecen de recollida nas súas aldeas. “É intolerable que teñan que levar os residuos a catro quilómetros das súas vivendas polos seus propios medios. Non se pode consentir en pleno século XXI un servizo tan nefasto”, critica Díaz.

Na parroquia de Montouto, o problema afecta aos lugares da Ponte, Valiña, O Carbueiro, Cabanapallaza e Salgueiro, onde doce vivendas comparten unicamente dous colectores e teñen que recorrer ao situado na estrada xeral. O voceiro socialista reclama que se revise tanto a distribución dos colectores como a organización da recollida para garantir que o servizo responda ás necesidades destes núcleos.

Díaz lembra que o PSdeG xa denunciou esta situación no pleno de xaneiro de 2021 mediante unha moción para reclamar que o Concello asumise as súas responsabilidades e dotase a Samordás e Bicos do servizo de recollida de lixo. Máis de cinco anos despois, o problema segue sen resolverse. “Rancaño deixou a nosa proposta nun caixón e mantén a veciñanza nas mesmas condicións. Tivo máis de cinco anos para actuar, pero segue sen ofrecer unha solución”, critica.

O socialista rexeita tamén a explicación do alcalde, que alega que o camión da recollida non pode acceder a estes núcleos. Segundo Díaz, polos mesmos camiños circulan outros camións de igual ou maior tamaño sen dificultades, polo que considera que esa escusa non xustifica a falta de servizo.

A nova moción que o PSdeG levará ao pleno reclamará ao executivo de Rancaño que revise a prestación da recollida de lixo, corrixa as deficiencias e garanta un servizo axeitado en todas as parroquias. As e os socialistas insisten en que o Concello debe asumir as súas responsabilidades e atender unhas demandas que levan anos sen resposta.

“Rancaño e o seu goberno deben revisar dunha vez este servizo básico e deixar de trasladar á veciñanza a obriga de resolver polos seus propios medios un problema que lle corresponde atender ao Concello. As familias necesitan solucións, non máis escusas nin promesas”, conclúe Díaz.

0.15495991706848