O PSdeG de Abadín critica o estado o do campo de fútbol municipal e pide actuacións urxentes

TerraChaXa
Os socialistas denuncian deficiencias de mantemento nas instalacións deportivas e reclaman melloras inmediatas en desbroce, accesos e conservación xeral do recinto.
campo-de-futbol-de-abadin
13 Jun 2026

O PSdeG de Abadín acusa ao Goberno municipal do Partido Popular de manter nun estado de abandono o campo de fútbol municipal e instou ao alcalde, José María López Rancaño, a adoptar medidas urxentes para garantir o correcto mantemento das instalacións deportivas.

O voceiro socialista, Pablo Díaz, sinala que o recinto presenta diversas deficiencias relacionadas co coidado das súas instalacións e da contorna. Entre os problemas detectados mencionou a presenza de maleza sen desbrozar, valados e accesos deteriorados e rotos, así como zonas con pintura descascada e sinais xerais de falta de conservación.

“Non estamos falando dunha cuestión estética. Estamos falando dunhas instalacións públicas que utilizan deportistas, familias, afeccionados e veciñanza, e que hoxe ofrecen unha imaxe de abandono absoluto que Abadín non merece”, declarou Díaz.

O representante socialista advertiu ademais de que esta situación chega nun momento especialmente significativo, tras o ascenso do Abadín CF a Segunda Galicia. Ao seu xuízo, o incremento da actividade deportiva e a chegada de equipos doutros municipios fan máis evidente a necesidade de ofrecer unhas instalacións coidadas e en bo estado.

Díaz criticou a xestión do Goberno local, ao que acusou de falta de planificación e mantemento dos servizos públicos, e asegurou que esta situación no campo de fútbol é reflexo dunha problemática máis ampla no municipio.

Desde o PSdeG reclaman ao Executivo municipal a execución inmediata de tarefas de desbroce, reparación de accesos e valados, mellora da pintura e mantemento xeral do recinto deportivo, co obxectivo de garantir unhas instalacións seguras e axeitadas ao uso que reciben por parte da veciñanza e dos clubs deportivos.

0.11575794219971