O PSdeG de Abadín elixe a Pablo Díaz López como novo secretario xeral

A Asemblea Extraordinaria da agrupación socialista de Abadín acordou a elección e constitución da nova Comisión Executiva Municipal, dentro do proceso de reforzo orgánico que a dirección provincial do PSdeG de Lugo está a impulsar no conxunto do territorio.
No encontro, a militancia elixiu a Pablo Díaz López, actual voceiro socialista no concello, como novo secretario xeral do PSdeG local. Díaz López asume esta responsabilidade co obxectivo de reforzar o proxecto socialista en Abadín e de acadar a alcaldía nas vindeiras eleccións municipais de 2027.
A nova Comisión Executiva Municipal complétase cos seguintes cargos: Pablo Díaz López na Secretaría Xeral; Alberto Rodríguez Folgueira na Secretaría de Organización; e Miguel Ángel Martínez Neira na Secretaría de Política Veciñal.
Dende a dirección provincial sinalan que “esta nova etapa marca o inicio da conta atrás para o cambio en Abadín: un cambio no proxecto, nas formas e nas persoas, cunha renovación política e organizativa orientada a consolidar un equipo preparado para lideralo”.