O PSdeG de Abadín pide a dimisión do alcalde tras a expulsión do seu voceiro durante o Pleno

O Grupo Municipal Socialista de Abadín reclamou a dimisión do alcalde, José María López Rancaño, tras expulsar do salón de plenos ao voceiro do PSdeG, Pablo Díaz, durante a sesión ordinaria celebrada este venres no Concello.
Segundo relatou Díaz, o desenvolvemento do Pleno transcorreu con normalidade ata chegar á quenda de rogos e preguntas. Nese momento, asegura que o rexedor tentou impedir que a oposición formulase cuestións relacionadas coa xestión municipal. O portavoz socialista afirma que o alcalde sostivo inicialmente que non se podían realizar preguntas, unha postura que rectificou tras a intervención da secretaria municipal.
O alcalde respondeu a un primeiro rogo relacionado co arranxo de pistas, pero rexeitou contestar o resto das cuestións formuladas pola oposición. Segundo o PSdeG, cando Pablo Díaz estaba a realizar a segunda pregunta, o rexedor retiroulle a palabra e ordenou a súa expulsión da sala.
“O alcalde perdeu os papeis porque non quería responder. Limiteime a intervir na quenda que me correspondía, sen interromper nin faltar ao respecto, exercendo a nosa obriga de fiscalizar a acción do Goberno municipal”, sostivo o voceiro socialista.
A formación considera especialmente grave que se impedise a intervención dun representante elixido pola cidadanía. Ademais, asegura que durante o incidente o alcalde chegou a chamar ao 061, servizo de emerxencias sanitarias, en lugar do 062, correspondente á Garda Civil.
O PSdeG cualifica a actuación do rexedor de autoritaria e considera que se trata dun intento de silenciar á oposición cando formula preguntas incómodas para o Goberno local.
Entre os asuntos que os socialistas non puideron expor figuraban cuestións relacionadas co estado dos desfibriladores municipais. O grupo pretendía coñecer cantos equipos existen no municipio, onde están situados, se figuran inscritos no Rexistro de Desfibriladores Externos de Galicia, se dispoñen do correspondente número de rexistro visible e se existe persoal formado para o seu uso.
Tamén reclamaban explicacións sobre un desfibrilador municipal que, segundo indican, carecía de batería cando foi necesario utilizalo durante unha parada cardiorrespiratoria rexistrada nun establecemento hostaleiro da localidade.
Outro dos asuntos que o PSdeG quería abordar estaba relacionado cun posible conflito de intereses que afectaría á tenente de alcalde. Os socialistas solicitaban información sobre a relación profesional da edil cunha empresa que comparte administrador único coa sociedade adxudicataria de determinados contratos municipais.
En concreto, querían obter explicacións sobre a adxudicación dun contrato de 16.419,94 euros á empresa Ingeniería Insitu S.L.U. e sobre outra factura da mesma sociedade por importe de 2.274,80 euros correspondente a un servizo de asesoramento agrogandeiro. Ademais, pretendían coñecer que medidas adoptou o Concello para garantir a imparcialidade dos procedementos e se existe documentación que acredite a abstención da tenente de alcalde nos expedientes relacionados.
As preguntas formaban parte dunha batería máis ampla de cuestións sobre o abastecemento de auga, a prevención de incendios, o mantemento de infraestruturas, diversos gastos municipais, os procesos selectivos e a contratación pública.
O Grupo Socialista esixe agora ao alcalde que presente desculpas públicas ao seu portavoz, ao resto da Corporación e á veciñanza de Abadín. De non facelo, considera que debe asumir responsabilidades políticas e presentar a súa dimisión.
Ademais, reclama ao Goberno local que responda por escrito ás preguntas formuladas pola oposición, informe sobre a situación dos desfibriladores municipais e facilite toda a documentación relacionada cos expedientes de contratación cuestionados.