O PSdeG de Abadín pide a reparación da Cruz da Misión, que leva derrubada máis dun ano

TerraChaXa
Pablo Díaz pide ao goberno municipal que aclare se soliticou o orzamento anunciado polo alcalde e que xestións realizou coa aseguradora para recuperar o cruceiro de Moncelos
cruceiro-mision-abadin-moncelos
10 Nov 2026

O voceiro do Grupo Municipal Socialista de Abadín, Pablo Díaz, reclama ao goberno municipal do PP a reparación inmediata do cruceiro da Cruz da Misión, situado nos Terraxís, na parroquia de Moncelos, que continúa sen reconstruírse tras o accidente que provocou o seu derrubamento en agosto de 2025. O socialista lembra que levou este asunto ao pleno en varias ocasións e pide explicacións sobre as xestións realizadas para recuperar este elemento do patrimonio local.

Díaz sinala que o accidente causou a caída do cruceiro e a rotura de varias das súas pezas de pedra, que permanecen amoreadas no lugar. O voceiro advirte de que esta situación se prolonga desde hai máis dun ano, malia as reiteradas peticións de reparación trasladadas ao executivo municipal.

No pleno do 30 de xaneiro de 2026, o PSdeG preguntou que estaba a facer o Concello para reconstruír e recuperar a Cruz da Misión. Na súa resposta, o alcalde, José María López Rancaño, explicou que estaba a solicitar un orzamento a un contratista para remitilo á compañía aseguradora do vehículo que causara os danos, co obxectivo de que asumise o custo da reparación.

Dous meses despois, no pleno do 27 de marzo, o grupo socialista volveu reclamar, mediante un rogo, unha intervención urxente ante o risco de abandono e deterioración das pezas. Porén, transcorridos máis de sete meses desde aquela petición, o cruceiro continúa sen reconstruírse.

Ante a falta dunha solución, os socialistas reclaman ao PP que detalle que actuacións levou a cabo desde que anunciou a solicitude do orzamento. En concreto, queren saber se este chegou a solicitarse e recibirse, se foi remitido á compañía aseguradora e en que situación se atopa a tramitación para que esta se faga cargo dos danos.

A formación considera que o tempo transcorrido e as reiteradas peticións no pleno esixen unha resposta concreta do goberno local. Por iso, reclama ao PP que informe dos pasos pendentes e impulse as xestións necesarias para acometer a reparación, evitando que o estado actual das pezas se prolongue e dificulte a súa recuperación.

“A Cruz da Misión non pode seguir amoreada en pezas mentres pasan os meses. Rancaño debe explicar que fixo ata agora e avanzar na súa reparación para recuperar este elemento do patrimonio de Abadín”, conclúe Díaz.

0.15300798416138