O PSdeG de Castro de Rei denuncia a falta de compromiso do PP coa escola infantil

LugoXa | TerraChaXa
Alba Sinde critica que o alcalde minimice as deficiencias do centro que atende máis de 40 nenos e nenas e eluda a súa responsabilidade de esixir á concesionaria o cumprimento do contrato
nenos-madrugadores-colexio
21 Sep 2026

O PSdeG de Castro de Rei denunciou no último pleno a falta de compromiso do PP coa seguridade e o mantemento da escola infantil municipal, que atende máis de 40 nenos e nenas, e reclamou un plan integral para resolver as carencias das instalacións e do equipamento. A voceira socialista, Alba Sinde, critica que o alcalde minimizase as deficiencias e pretendese limitar a resposta municipal a un proxecto de pintura sen atender o conxunto das necesidades do centro.

Segundo explica Sinde, o PP rexeitou apoiar a proposta socialista e cuestionou a veracidade dos problemas expostos. Ante esta postura, o grupo municipal condicionou o seu apoio ao proxecto do goberno local á incorporación da reparación dos cristais e bloques de vidro rotos e á reposición dos protectores das esquinas deteriorados. As e os socialistas sumáronse á iniciativa para sacar adiante estas actuacións básicas de seguridade, aínda que a consideran insuficiente e manteñen a reclamación dun plan integral de mellora.

Ademais destes desperfectos, o PSdeG alertou da presenza de cordóns nos estores que supoñen un risco nun espazo infantil e de silvas que invaden o patio desde unha parcela veciña. Tamén esixiu a substitución do toldo deteriorado, anunciada polo PP para xullo e aínda pendente. A voceira socialista reprochou que o alcalde recoñecese que seguía sen recibir os orzamentos, o que evidencia “a falta de seguimento e de interese por resolver os problemas do centro”.

Outro dos asuntos abordados foi o estado dos electrodomésticos. O grupo socialista denunciou que a secadora leva avariada desde a etapa de anteriores empresas xestoras e que o lavalouza industrial foi substituído por un doméstico, de menor capacidade. Sinde cuestiona que o alcalde defendese manter este último porque funciona e restase importancia á secadora co argumento de que se utilizaba para secar a roupa dos nenos e nenas.

“A secadora é necesaria para as sabas dos berces. Non dispoñer dela obriga a concentrar o lavado nas fins de semana, unha situación inaceptable nunha escola infantil”, advirte. A voceira lembrou no pleno que, segundo o contrato, a empresa debe substituír os equipos avariados e rexeitou que o alcalde alegase que non podía facer nada se a concesionaria non actuaba. “Ten que esixirlle que cumpra. Para algo existe un contrato e unha responsabilidade municipal sobre o servizo”, sostén.

O PSdeG tamén reclamou renovar e ampliar os xoguetes, os contos e o material educativo. Sinde cuestionou a afirmación do goberno local de que se incorporara material en 2025 e asegurou que a información trasladada polo seu grupo estaba contrastada. Como exemplo, sinalou que a escola dispón de apenas sete contos, os mesmos desde a súa apertura en 2005.

Ante o argumento do alcalde de que a escola supera as inspeccións, Sinde reclama ao PP que deixe de escudarse nos mínimos: “O alcalde debe preguntarse se estaría tranquilo deixando aquí un fillo ou un neto. As familias necesitan seguridade e confianza e o Concello ten que responder con solucións”.

A voceira insiste en que as reparacións incorporadas ao proxecto municipal non resolven as restantes carencias e mantén a reclamación dun plan integral de mantemento e equipamento. “Seguiremos reclamando estas melloras e vixiando que os compromisos se cumpran. As nenas e os nenos merecen un centro seguro, coidado e cos recursos necesarios. Garantilo é unha responsabilidade que o PP non pode seguir eludindo”, conclúe.

0.15301203727722