O PSdeG de Pol mobiliza á veciñanza para reclamar ao Sergas a cobertura inmediata da praza de médico

Pol
LugoXa | TerraChaXa
O alcalde de Pol, Lino Rodríguez, encabezou a concentración diante do centro de saúde xunto a representantes socialistas da contorna
manifestaacion-sanidade-publica-pol
17 Apr 2026

O PSdeG de Pol mobilizou este venres á veciñanza diante do centro de saúde para reclamar ao Sergas a cobertura inmediata da praza de médico que continúa sen cubrir tras a xubilación dun dos facultativos. Na concentración, encabezada polo alcalde socialista, Lino Rodríguez, participaron veciñas e veciños de Pol, así como representantes institucionais, alcaldes e alcaldesas e cargos socialistas da contorna.

Durante a mobilización, as e os socialistas denunciaron que Pol segue cunha das dúas prazas médicas sen cubrir tras a xubilación dun dos facultativos. Unha situación que está a provocar unha atención inestable, con profesionais distintos segundo o día e mesmo con xornadas sen consulta.

O alcalde de Pol advertiu de que esta situación evidencia “o deterioro da sanidade pública e a falta de compromiso do PP da Xunta coa atención primaria no rural”. “Pol ten dereito a contar cos dous médicos que lle corresponden. Non pode haber veciños e veciñas de primeira e de segunda en función do facultativo que toque ou do día no que necesiten ser atendidos”, afirmou.

Rodríguez subliñou ademais que a veciñanza leva tempo reclamando unha solución sen obter resposta por parte do Sergas. “O rural non pode seguir pagando a falta de planificación da Xunta. Estamos a falar dun servizo básico e dun dereito que hai que garantir en igualdade de condicións, vivas onde vivas”, engadiu.

Dende o PSdeG reclaman ao Goberno galego a cobertura inmediata da praza vacante e esixen que se garanta unha atención sanitaria estable e de calidade no centro de saúde de Pol, cos dous facultativos que lle corresponden ao municipio.

0.11427283287048