O PSdeG defenderá no Pleno da Deputación un novo modelo contra os incendios forestais e máis recursos para o ensino

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O Grupo Provincial Socialista levará unha proposta de goberno á sesión do mes de xullo para reclamar á Xunta unha reforma integral da política galega
pleno-de-maio-deputacion-equipo-de-goberno
24 Jul 2026

O PSdeG levará ao vindeiro Pleno da Deputación, que se celebrará o martes no Pazo de San Marcos, dúas iniciativas centradas na protección do territorio e na garantía de servizos públicos para toda a provincia. Por unha banda, o PSdeG defenderá unha proposta de Goberno para reclamar á Xunta un novo modelo de prevención e defensa contra os incendios forestais; e, pola outra, levará unha moción en apoio á comunidade educativa e en defensa dun ensino público de calidade, inclusivo, en galego e con recursos suficientes.

A primeira das iniciativas, presentada como proposta de Goberno, reclama á Xunta de Galicia unha reforma integral da política de prevención e defensa contra os incendios, adaptada á nova realidade climática, territorial e demográfica de Galicia e, especialmente, da provincia de Lugo.

O texto advirte de que os lumes actuais son cada vez máis intensos, rápidos e difíciles de controlar como consecuencia do cambio climático, da acumulación de biomasa, do abandono da actividade agraria e da crecente proximidade entre as masas forestais e os núcleos habitados, situación que afecta especialmente ao Courel, Os Ancares, a Ribeira Sacra e a montaña lucense.

A voceira socialista, Pilar García Porto, advirte de que “xa non estamos ante o modelo de lume que coñeciamos hai dúas décadas”. “Galicia afronta unha nova xeración de grandes incendios de comportamento extremo, capaces de superar a capacidade de resposta dos dispositivos tradicionais e de poñer en risco simultaneamente vidas, vivendas, explotacións e patrimonio natural e cultural”.

A iniciativa sinala entre as principais carencias a falta dunha avaliación pública do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, a insuficiente execución das faixas secundarias de protección e a excesiva dependencia de contratacións temporais.

Por iso, o PSdeG reclama que a Xunta presente, nun prazo máximo de tres meses, unha avaliación do Plan Forestal; impulse unha reforma integral da política galega de prevención; execute con financiamento suficiente a xestión da biomasa nas faixas secundarias; e poña en marcha un Programa Galego de Paisaxes Resilientes baseado na silvicultura preventiva, na recuperación de terras agrarias abandonadas e nos mosaicos agroforestais.

A proposta pide tamén reforzar os recursos humanos, reducir a temporalidade, garantir dispositivos permanentes durante todo o ano e incrementar os investimentos en prevención. Inclúe, ademais, unha estratexia específica para Lugo e un Plan Galego de Prevención Local que defina as responsabilidades de cada administración e asegure a dotación económica necesaria.

Apoio á comunidade educativa e defensa do ensino público

A segunda iniciativa que o PSdeG levará ao Pleno é unha moción en apoio á comunidade educativa e en defensa dun ensino público de calidade, inclusivo, en galego e con recursos suficientes.

A formación advirte de que a escaseza de profesorado, as baixas sen cubrir, o aumento das ratios, a sobrecarga burocrática e a falta de persoal especializado, están dificultando o funcionamento dos centros e comprometendo a atención individualizada ao alumnado. Situación que resulta especialmente grave nunha provincia marcada pola dispersión, o envellecemento e o despoboamento, na que 66 dos 67 concellos teñen menos de 20.000 habitantes. Para as e os socialistas, a escola rural é esencial para garantir a igualdade de oportunidades, manter a cohesión territorial e fixar poboación.

A moción reclama á Xunta que aumente os cadros de persoal docente e educativo, axilice a cobertura das baixas e substitucións, baixe as ratios e aplique criterios específicos para protexer as unidades escolares dos concellos pequenos. Esixe tamén o compromiso de non pechar escolas nin unidades educativas no rural lucense.

A iniciativa demanda, ademais, unha redución da carga burocrática do profesorado, mellores condicións laborais, investimentos urxentes nas infraestruturas escolares e recursos suficientes para atender ao alumnado con necesidades específicas e ao recentemente chegado con descoñecemento da lingua. Así mesmo, reclama unha maior presenza efectiva do galego e servizos de transporte e comedor escolar adaptados á dispersión territorial.

Pilar García Porto resumiu que ambas iniciativas responden á necesidade de garantir “unha provincia segura, cohesionada e con servizos públicos que cheguen en condicións de igualdade a todo o territorio”. “A Deputación de Lugo, como institución próxima á cidadanía e comprometida coa defensa do rural, non pode permanecer á marxe destas realidades. A Xunta debe asumir as súas responsabilidades con planificación, financiamento suficiente e políticas adaptadas á realidade de Lugo”, concluíu.

0.11941599845886