O PSdeG denuncia que o PP deixa a veciñanza de Outeiro de Rei sen bonificacións para acceder á piscina

O Grupo Municipal Socialista de Outeiro de Rei levará ao pleno de mañá unha batería de preguntas sobre a falta de xestión do Goberno local do PP para facilitar o acceso da veciñanza ás instalacións do antigo Centro Deportivo D10, situado en Mosteiro, que reabriu o pasado 14 de setembro baixo a xestión do Club Fluvial de Lugo. A voceira socialista, Carmen Acacio, pedirá explicacións pola ausencia dun convenio que permita ás persoas empadroadas no municipio beneficiarse de tarifas bonificadas.
O PSdeG contrapón a inacción do executivo municipal co exemplo de Guitiriz, que xa pechou un acordo co Club Fluvial para facilitar á súa veciñanza o acceso a cursos de natación e prezos bonificados. As e os socialistas consideran que esta diferenza evidencia a falta de vontade política do PP de Outeiro de Rei para atender as necesidades dos seus veciños e veciñas, ao non ter acordado condicións vantaxosas antes da reapertura dunhas instalacións situadas no seu propio municipio.
O grupo socialista denuncia que o PP permaneceu “de brazos cruzados” mentres outros concellos actuaron “con dilixencia e previsión política”. O resultado, advirte, é que a veciñanza de Outeiro de Rei ten unha piscina climatizada no seu termo municipal pero debe afrontar tarifas de acceso como particulares externos ao non existir un acordo institucional.
As e os socialistas subliñan que esta falta de xestión afecta especialmente ás familias con menores e ás persoas maiores. No primeiro caso, dificulta o acceso a cursos de aprendizaxe de natación e a alternativas de conciliación e campamentos sen saír do municipio. No segundo, pon obstáculos á participación en actividades acuáticas que contribúen á mobilidade, ao mantemento físico e ao envellecemento activo. Por iso, consideran que o PP debía ter actuado para que a reapertura estivese acompañada de medidas que facilitasen o acceso da poboación de Outeiro de Rei.
No pleno, Carmen Acacio preguntará por que o Concello non pechou un convenio antes da reapertura e se existen actualmente negociacións entre a Alcaldía e a nova dirección. De habelas, reclamará que se concrete se prevén descontos para nenos e nenas en idade escolar e bonificacións nos programas para persoas maiores.
Ademais, preguntará se o PP se compromete a incluír unha partida específica nos vindeiros orzamentos municipais para subvencionar estes bonos e evitar que menores e maiores queden sen acceso á piscina por motivos económicos. As e os socialistas reclaman que o Goberno local siga o exemplo de Guitiriz e adopte medidas concretas para atender estas necesidades.
“Veremos se o PP está disposto a apoiar as familias e as persoas maiores de Outeiro de Rei ou se vai seguir de brazos cruzados mentres outros concellos conseguen para a súa veciñanza as vantaxes que aquí seguimos sen ter”, conclúen.