O PSdeG presenta unha serie de iniciativas parlamentarias para incrementar a taxa de actividade

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Carmen R. Dacosta reclama á Xunta incorporar criterios territoriais ás políticas activas de emprego logo de constatar que Ourense e Lugo seguen a ser as provincias coa menor taxa de actividade de España
Carmen Rodriguez Dacosta
28 Aug 2026

A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen R. Dacosta, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que poña en marcha un Plan de medidas específicas para incrementar a taxa de actividade. Dacosta advertiu que o “fracaso” das políticas activas de emprego e da política de impulso económico do PP teñen situado a Galicia como a segunda autonomía con menor taxa de actividade do Estado.

Dacosta advertiu que, segundo os datos do INE correspondentes ao segundo trimestre do ano, Galicia ten unha alarmante baixa taxa de actividade, dun 53,02 por cento, máis de seis puntos porcentuais por debaixo da media estatal, que se sitúa nun 59,29 por cento. Ademais, o abandono das provincias de Lugo e Ourense por parte do goberno galego as teñen situado como as provincias con menor taxa de actividade do Estado, cun 48,44 e un 46,08 por cento, respectivamente.

A responsable socialista criticou a pasividade do goberno galego para afrontar os principais factores que lastran o mercado laboral galego, que está creando emprego a un ritmo significativamente inferior ao conxunto do Estado. Como exemplo, advertiu de que entre o primeiro e o segundo trimestre do ano esta Comunidade Autónoma perdeu 6.100 persoas ocupadas, un 0,5 por cento, mentres no conxunto de España aumentaron en 486.000 persoas.

O envellecemento, a perda de poboación en idade laboral, as dificultades de incorporación da mocidade e de reincorporación das persoas de maior idade ao mercado de traballo, así como as desigualdades entre as provincias da costa e do interior “están a condicionar profundamente o presente e o futuro laboral de Galicia”.

Ademais, criticou que continúen sen facer “nada” fronte ás bolsas de desemprego estrutural, como os parados de longa duración ou a mocidade, máis de tres veces por riba da taxa de paro de Galicia. Os datos da EPA alertan da menor creación de emprego, perda de ocupación, baixa taxa de actividade, elevado desemprego xuvenil, o alto número de persoas paradas de longa duración e a perda de ocupación nos principais sectores produtivos.

A responsable socialista urxe ao goberno galego a poñer en marcha medidas específicas para incrementar a taxa de actividade de Galicia, así como plans específicos de actuación dirixidos aos parados de longa duración e da mocidade. Reclamou ademais incorporar os criterios territoriais á planificación das políticas activas de emprego para reforzar o impacto nos concellos, comarcas e provincias con máis dificultades.

0.098031997680664