O PSdeG reclama á Xunta que escoite a veciñanza de Abadín ante o proxecto da planta de biometano

GaliciaXa | TerraChaXa
Lara Méndez participou na protesta contra a instalación e defendeu unha regulación específica para este tipo de proxectos
lara-mendez-protesta-planta-biometano-abadin
27 Sep 2026

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, participou este domingo en Abadín nunha nova protesta veciñal contra a planta de biometano proxectada no municipio. A dirixente socialista acompañou a veciñanza e os representantes locais do partido, que levan meses mobilizándose contra a instalación.

Méndez trasladou o apoio do PSdeG ás persoas que se opoñen ao proxecto e reclamou á Xunta que escoite á veciñanza afectada e garanta transparencia e todas as garantías ambientais durante a súa tramitación.

A responsable socialista lembrou tamén que o PSdeG levou este mes ao Parlamento de Galicia a situación de Abadín no marco da súa petición dunha regulación específica para as plantas de biometano. A formación reclama que se establezan criterios claros para determinar a localización destas instalacións, así como distancias respecto das vivendas e unha avaliación rigorosa do seu impacto ambiental.

Os socialistas propoñen ademais establecer mecanismos que permitan a participación das persoas directamente afectadas nos procesos de decisión relacionados con este tipo de proxectos.

Lara Méndez defendeu que a veciñanza de Abadín debe coñecer con claridade as características da instalación prevista no municipio e poder expresar a súa posición antes de que se adopten decisións que poidan condicionar o seu día a día.

0.15137600898743