O PSOE acusa á Xunta de incumprir os acordos en política forestal

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Carmen Rodríguez reivindica a “necesaria e urxente planificación e ordenación dos recursos forestais” de Galicia
limpeza terreos forestais
20 Nov 2021

A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou o incumprimento por parte da Xunta dos acordos acadados en 2017 plasmados no ditame da Comisión de Estudo da Política Forestal, dos Incendios Forestais e do Plan forestal de Galicia. Rodríguez presentou unha proposición non de Lei en Comisión para reclamar o cumprimento do texto asinado e aprobado no Parlamento, que foi rexeitada polo PP.

A responsable socialista criticou que o goberno galego “só funciona por arroutadas, por impulsos e ocorrencias” e urxiu á “necesaria planificación e ordenación dos recursos forestais da nosa Comunidade Autónoma”, que supoñen as dúas terceiras partes da superficie total de Galicia. Reclamou “unha verdadeira ordenación integral e real do medio rural acorde coa normativa”, que garanta a “planificación do solo forestal, en sinerxia cos actuais distritos forestais”.

Alerta da “situación de debilidade de partida para o noso rural, posto que gran número de propietarios forestais descoñecen onde están ubicadas as súas parcelas, e outras moitas aparecen como de propiedade descoñecida”. Explicou que o 97 por cento das 2 millóns de hectáreas forestais son de propiedade privada, o 30 por cento de propiedade colectiva e o 70 por cento individual.

De aí, sinalou, “a necesidade de instar á Xunta a resolver este grave problema”, utilizando medios acaídos, coa elaboración dos Plans de Ordenación dos Recursos Forestais –PORF- en cada un dos 19 distritos de Galicia, tal e como figuraba nas conclusións da dita Comisión, que tamén contemplaba a aprobación do Pladiga por decreto.

Carmen Rodríguez explicou ademais que os PORF deberán especificar a delimitación territorial, as características socioeconómicas da zona, a descrición e análise dos montes e os seus recursos ou os aspectos xurídico – administrativos da propiedade forestal. Tamén inclúe o establecemento de modelos silvícolas orientativos, a zonificación por usos do territorio, a planificación de accións e os criterios de control, seguimento e avaliación do plan.

Reclamou a adecuación dos plans de prevención contra os incendios forestais á normativa vixente e o establecemento dos comités forestais de distrito como mecanismos de participación activa dos axentes forestais.

0.16140604019165