O PSOE acusa á Xunta de ofensiva "por poñer en dúbida o arraigamento da Feira do Capón de Vilalba"

TerraChaXa
“A Xunta do PP tapa cun erro grave outro erro histórico do PP de Vilalba, que nunca pediu esta distinción cando gobernou no concello”, din
feira-do-capon-2021-vilalba6
14 Dec 2024

A Agrupación Provincial Socialista de Lugo considera “premeditado e ofensivo para os vilalbeses e vilalbesas” que a Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, poña en dúbida o “arraigamento” da Feira do Capón de Vilalba.

“Tivo que ser un goberno local liderado polos socialistas o primeiro que solicitase a distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Feira do Capón de Vilalba”, lembra Pilar García Porto, secretaria de Organización dos socialistas da provincia.

“E agora, aínda que intenten desviar a atención botándolle a culpa ao concello, o que fai a Xunta do PP é tapar con outro erro grave ese erro histórico do PP de Vilalba”, explica García Porto, que lamenta “o despropósito, xa que poucas feiras hai en Galicia con máis arraigamento e fama en toda España que a do capón de Vilalba”.

Os socialistas da provincia de Lugo lembran que o goberno de Vilalba propúxolle ao pleno municipal a solicitude da declaración de Festa de Interese Turístico para a Feira do Capón. Todos os grupos políticos por unanimidade aprobaron a solicitude, xunto co expediente a remitir elaborado por persoal técnico do Concello, sen que o PP formulase obxección algunha á documentación.

O pasado 2 de decembro, o Concello de Vilalba recibiu a desestimación por falta de acreditación do requisito de “arraigamento da feira”.

“Estou convencida de que o Concello de Vilalba recibirá finalmente a distinción grazas ao goberno liderado pola socialista Marta Rouco, e a Xunta de Galicia terá que recoñecer o seu erro e rectificar, por moito que pretenda desviar a atención”, remata García Porto.

0.14388489723206