O PSOE asegura que conseguiu frear no Parlamento Europeo os recortes da PAC

TerraChaXa
O Deputado no Parlamento Europeo, o socialista José Blanco, acompañado polo Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, informou sobre a financiación comunitaria para o período 2020-2027.
blanco
11 Maio 2018

O Deputado no Parlamento Europeo, o socialista José Blanco, acompañado polo Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, informou sobre a financiación comunitaria para o período 2020-2027. Blanco adiantou que “os socialistas conseguimos que o Parlamento Europeo aprobase a nosa proposta de incrementar os recursos comunitarios para os vindeiros 7 anos a través dunha maior achega dos Estados membros e, deste xeito, non recortar os fondos para a PAC, nin de ningunha outra política tradicional, e poder afrontar os novos desafíos. Esta é a posición da Unión Europea. Agora tócalles aos Estados membros, que deben manter esta posición de firmeza e fortaleza. Pero Rajoy e Feijóo están calados, cando España, Galicia e Lugo se xogan moito. Estamos a tempo de dar a batalla. Os socialistas esiximos aos Gobernos de España e de Galicia que afronten este reto para non reducir as axudas que reciben os agricultores e gandeiros”.

Santos Ramos avanzou que “dende o PSOE levaremos a todas as institucións iniciativas e propostas para que as corporacións manifesten a súa vontade de que non se recorten os fondos comunitarios que son decisivos para o desenvolvemento do noso territorio”.

Os socialistas celebrarán unha xornada o 22 de xuño, coa participación de expertos europeos, na que se afondará sobre o marco financeiro que se discute en Europa, destacou o Deputado no Parlamento Europeo.

Do 50% ao 30%. Peso da PAC no orzamento da UE

José Blanco destacou que “Galicia e España tiveron un grande desenvolvemento dende o punto de vista económico, de infraestruturas ou de cohesión grazas aos recursos que proviñeron de Europa durante as últimas dúas décadas. Pero a partires de 2020 podemos deixar de ser receptores ou ver minorada a nosa participación nos recursos. Isto débese á saída de Reino Unido da Unión Europea, que afecta ao orzamento comunitario. Existen dúas maneiras de incrementalo: con presupostos propios, é dicir, xerando ingresos a través de impostos ás transaccións financeiras, sobre o que existe un grande debate en Europa; ou aumentando as aportacións dos Estados membros”.

“Presentouse o borrador do Marco Financeiro por parte da Comisión Europea onde figura un recorte de entre o 13% e o 16% na PAC e entorno ao 10% dos fondos para a cohesión. Isto suporía que os nosos agricultores e gandeiros verían reducidos os seus recursos, cando en Galicia, en Lugo, xa temos un grande problema, por exemplo co prezo do leite, para manter a competitividade das explotacións. Necesitamos incrementar os fondos para que o peso da PAC na Unión Europea, que hoxe é do 50%, non baixe ao 30%, para que non se produza unha nova reconversión que achicaría ao sector agrogandeiro, para fixar poboación no rural, políticas ambientais, limpeza forestal favorecer a loita contra o cambio climático....Europa ten que ter recursos para facer fronte a estes e a outros desafíos como o eido tecnolóxico, a seguridade, a inmigración...

Os socialistas conseguen definir postura do Parlamento Europeo

“Este ano aínda estamos a tempo de dar a batalla. A proposta dos socialistas, o Parlamento Europeo xa mantén unha posición firme: que se incrementen os recursos mediante unha maior achega dos Estados membros, que non se recorte ningunha política tradicional e se poidan afrontar con novos recursos os desafíos que ten a UE. O Parlamento Europeo aprobou a nosa proposta e, polo tanto, xa está nunha posición de fortaleza para reivindicar que non haxa recortes”.

Agora tócalles aos Estados membros pero Feijóo e Rajoy están calados

“Agora tócalles aos Estados membros, que deben manter unha posición de firmeza. Estamos ante unha situación moi preocupante para Galicia polo que lamento que o Goberno de Feijóo estea calado. Durante este debate que empeza agora, os socialistas esiximos ao Goberno de Galicia e de España que afronten este reto no seo da Unión Europea. Porque España, xunto a Alemaña e Francia, son os países que reciben máis axudas da Política Agraria Común… Polo tanto, convidamos a Feijóo e Rajoy que, en lugar de mirarse e estar pendentes de que pasa no seu partido e de ver quen pode suceder a quen, se preocupen un pouco máis polos problemas dos galegos”.

“Consigamos frear os recortes e logo estudemos os criterios de repartición para que un gran terratenente non reciba axudas por grandes extensións de terreo e os agricultores e gandeiros que viven do sector, como consecuencia da repartición xeral, vexan minguados os seus ingresos por esta situación”, remarcou Blanco.

 

0.14789986610413