O PSOE asegura que Vilalba figura entre os concellos galegos mellor xestionados segundo o Consello de Contas

A Agrupación Socialista de Vilalba asegurou que o Concello figura entre os municipios galegos mellor xestionados desde o punto de vista económico, apoiándose nos datos recollidos no último informe sobre entidades locais elaborado polo Consello de Contas de Galicia.
Segundo explicou o PSOE, o informe sitúa a Vilalba no nivel máis alto de madurez dos sistemas de control económico entre os concellos galegos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. Os socialistas consideran que estes datos avalan a xestión realizada polo Goberno local.
A formación tamén puxo en valor que, segundo os datos do Ministerio de Facenda, o Concello de Vilalba pechou o exercicio 2024 con cero euros de débeda viva.
Desde o PSOE sinalan que esta situación permite manter o investimento municipal e continuar financiando servizos como a Axuda no Fogar, ao tempo que destacan a capacidade de planificación e supervisión económica da administración local.
Os socialistas sosteñen que os datos oficiais sitúan a Vilalba entre os concellos con mellores indicadores de xestión económica de Galicia e consideran que reflicten unha administración dos recursos públicos orientada á mellora dos servizos municipais e da calidade de vida da veciñanza.