O PSOE califica de insuficiente o orzamento destinado a Medio Rural
O voceiro de Medio Rural do Grupo Socialista, Raúl Fernández, cualificou os orzamentos da Consellería de Medio Rural de “insuficientes” e que consolidan o “esquecemento, desamparo e maltrato ao rural”, desmentindo o “slogan” da “Lexislatura do Rural”, que anuncia Feijóo. Así o dixo na comparecencia do conselleiro para presentar os orzamentos do seu departamento para o próximo ano.
Fernández acusou ao conselleiro de aplicar uns orzamentos “de servizo mínimos”, que “aplicados ao rural significa que o goberno só pon á súa disposición a posibilidade paliativa de respiración asistida”. A suba do 4,2 por cento das contas de Medio Rural resulta, dixo, “insuficiente”, ademais de que “impide o impulso que necesita o conxunto de Galicia e restrinxe as posibilidades da Consellería para abordar políticas activas que revitalicen o Medio Rural”.
Sinalou que “os feitos demostran que a aposta de Feijóo polo rural tan só é un bluff, un slogan baleiro de contido”, e que non fan máis que “constatar o engano ao territorio rural e aos seus habitantes”. Censurou a “intencionalidade malévola” para “conseguir o seu apoio electoral a custe cero” mentres se mantén nunha “parafernalia de clara desconsideración ao rural”.
Algo semellante sucede no apartado de prevención e extinción de incendios, onde “perseveran no erro” de centrarse nun modelo de loita contra o lume “xa sobradamente demostrado que é máis caro e menos eficaz”. Ao “primar a extinción en detrimento da prevención”, explicou, “persisten nunhas políticas de contrastada incapacidade diante dunha vaga de lumes”, e reivindicou como resposta óptima a loita contra o lume “antes de que este se produza”.
Sector lácteo
Raúl Fernández advertiu da “falla dunha estratexia propia e diferenciada para un prolongado tempo de inseguridade no sector”, xa que “as cifras dedicadas á promoción do sector lácteo son insignificantes, e o peche de explotacións mantén unha evolución negativa”. Desmentiu a a euforia do goberno galego por supostas novas incorporacións que “en realidade son meros cambios de titularidade”.
Advertiu que “a situación do sector lácteo non está para que o goberno lance foguetes, e os tempos que se aveciñan tampouco invitan a ser optimistas” senón que, máis alá, “estes orzamentos invitan ao pesimismo no sector lácteo”.
Sinalou tamén que “non se percibe unha aposta decidida e con soporte orzamentario” a favor da mobilidade de terras, un requisito imprescindible “para pasar da vontade aos feitos” cando, puntualizou, “carece de pontes orzamentarias que conecten a vontade cos feitos en mobilidade de terras”.