O PSOE cualifica de "lamentable" o peche do colexio de Baamonde

TerraChaXa
A voceira do PSdeG de Begonte, Susana Ferreiro cualificou como “moi lamentable e decepcionante" o anuncio do peche do colexio de Baamonde.
colexio baamonde
26 Mar 2021

A voceira do PSdeG no Concello de Begonte, Susana Ferreiro cualificou como “moi lamentable e decepcionante o anuncio por parte do Goberno do PP do peche do colexio de Baamonde. É un ataque frontal a escola pública e rural, e pronto todos lamentaremos as consecuencias erráticas desta política sectaria de Feijóo”, replicou.

Ferreiro lamentou ademais a pouca sensibilidade que amosou todo o Goberno do PP, así como o  alcalde de Begonte e os responsables da Xunta, “xa que a día de hoxe segue sen recibir aos colectivos dos pais e nais afectados por este peche do colexio de Baamonde, co fin de converter este centro educativo nunha escola de música privada”.

A voceira Socialista explicou que “dúas asociacións de Baamonde, a de nais e pais do colexio e tamén a dos veciños, dirixíronse por quinta vez ao conselleiro de Cultura, para pedirlle unha reunión, pero só reciben a calada por resposta”, denunciou.

Ferreiro lembrou ademais que o Grupo Socialista impulsou diversas iniciativas para tentar de facer recapacitar ao Goberno Local sobre a proposta do peche do colexio. “Presentamos iniciativas no Parlamento, a través do noso voceiro de Educación, Luís Álvarez, tamén participamos nas campañas e mobilizacións que organizou a ANPA, e o vindeiro martes debaterase unha proposta no Pleno da Deputación do Grupo Socialista para que se atendan as reclamacións unánimes de toda a veciñanza, que piden que se manteña aberto o centro”, relatou.

“Dende o Grupo Socialista estamos a favor que no noso Concello exista un escola de música, pero pública, e na que poida convivir o centro educativo de Baamonde. Ademais é bastante curioso que a escola de música que o Concello pretende instalar no centro educativo sexa privada, iso si, pero pagada e xestionada con fondos públicos”, criticou.

Por último Ferreiro asegurou que a Agrupación Socialista de Begonte vai seguir defendendo unha escola, pública e de calidade para todas as familias da vila. “Vamos a seguir defendo as familias e reivindicando os dereitos de todos os pais e nais afectados por este atropelo político”, resumiu.

0.1676709651947