O PSOE de Abadín acusa ao alcalde de adxudicar por decreto un contrato por un conflito coa tenente de alcaldesa

O PSdeG de Abadín denunciou no último Pleno a falta de transparencia do Goberno local do Partido Popular tras a adxudicación dun contrato municipal, resolto por decreto de Alcaldía e sen pasar pola Xunta de Goberno Local, a unha empresa vinculada á contorna laboral da tenente de alcaldesa.
Segundo explicou o voceiro socialista, Pablo Díaz, trátase dun contrato menor de servizos para a “Dinamización do medio rural”, por importe de 16.419,94 euros, adxudicado á empresa INGENIERÍA INSITU, S.L.U. Díaz advertiu de que o administrador único desta sociedade é tamén administrador único de Estudios Rafer, firma na que exerce como directora a tenente de alcaldesa de Abadín, Begoña Gaute.
“Estamos diante dunha contratación que cheira mal”, afirmou o voceiro socialista, que criticou que o alcalde se limitase a repetir que o procedemento se realizou “coa legalidade vixente”, sen achegar explicacións suficientes nin documentación que despexe as dúbidas arredor do expediente.
“As respostas oficiais foron moita ‘legalidade’, moita ‘transparencia’ e moito ‘non se apreciaron indicios’, pero a realidade é que non se solicitou ningún informe específico sobre un posible conflito de intereses. A tenente de alcaldesa non se abstivo formalmente e o contrato non pasou pola Xunta de Goberno Local, senón que se resolveu por decreto de Alcaldía”, advertiu.
O voceiro socialista lembrou que o propio rexedor recoñeceu no Pleno que non se pediu á Secretaría municipal un informe específico sobre conflito de intereses, causa de abstención ou incompatibilidade, ao considerar que non existían indicios. Para o PSdeG, esta resposta “é claramente insuficiente para un asunto que afecta directamente á confianza da veciñanza na xestión municipal”.
“Cando existe unha relación laboral da tenente de alcaldesa cunha empresa que comparte administrador coa adxudicataria dun contrato municipal, o mínimo esixible é extremar as garantías, pedir informes e actuar con absoluta transparencia. O que fixo o PP foi xusto o contrario: resolver por decreto, evitar o órgano colexiado e despachar o asunto sen dar explicacións”, sinalou.
No mesmo Pleno, o Grupo Municipal Socialista fixo súas numerosas preguntas elaboradas pola plataforma veciñal StopBiogás Abadín sobre as plantas de biometano, ao considerar que responden ao interese xeral dos veciños e veciñas do municipio. Segundo explicou Díaz, o rexedor só contestou dúas destas cuestións, malia que no anterior Pleno extraordinario sobre este proxecto acusara ao PSdeG de “xerar alarma sen datos, sen informes e sen responsabilidade”.
O voceiro socialista agradeceu o traballo da plataforma StopBiogás Abadín e incidiu en que “os veciños de Abadín merecen respostas, non silencios”, especialmente nun proxecto que xera preocupación polo seu posible impacto ambiental, social e económico. Neste sentido, criticou tamén a negativa á instalación dunha mesa informativa sobre as plantas de biometano, unha decisión que “volve evidenciar a falta de vontade do PP para facilitar información á veciñanza nun asunto de enorme relevancia para o futuro do noso concello”.
O PSdeG tamén preguntou pola praza de conserxe, cuxa convocatoria é de 2023 e para a que a documentación foi presentada xa en xullo dese mesmo ano. En concreto, interesouse por saber se estaba asinada a acta do proceso selectivo que permanecía pendente dende agosto de 2025, pero o alcalde confirmou que aínda non está resolta.
Por último, o PSdeG presentou dous rogos para mellorar a accesibilidade do pavillón do colexio de Moncelos e de distintas zonas do casco urbano, así como para garantir máis transparencia e publicidade nos procesos selectivos municipais, incluídas as brigadas de incendios.
“O que pedimos é moi simple: explicacións, documentación, transparencia e respecto pola veciñanza. Abadín non merece un Goberno que responda con evasivas cando se lle pregunta por contratos, procesos selectivos ou proxectos que afectan directamente ao futuro do municipio”, concluíu Pablo Díaz.