O PSOE de Abadín critica ao alcalde por non respostar ás súas preguntas e ocultar información

TerraChaXa
Os socialistas esixiron no pleno explicacións sobre o proxecto do biometano, a contratación do conserxe, os pagos ás asociacións locais e o uso irregular da maquinaria municipal
psoe-abadin
3 Oct 2025

O Grupo Municipal Socialista de Abadín, a través do seu voceiro Pablo Díaz, denunciou no pleno a actitude do alcalde, Xosé María López Rancaño, "que volveu eludir explicacións e rexeitou dar respostas claras ás preguntas da oposición".

No pleno, o PSdeG formulou varias cuestións que seguían sen resposta clara: a falta de transparencia no proceso de selección do conserxe e na resolución definitiva da praza; o uso de maquinaria municipal no desbroce de fincas privadas; os atrasos no pagamento das axudas ás asociacións e entidades locais, e a negativa a facilitar o proxecto da planta de biometano de Quende, solicitado xa o 19 de setembro.

Díaz advirte que “o alcalde contesta o que lle dá a gana e evita asumir responsabilidades. Non é de recibo que siga ocultando información sobre asuntos que afectan directamente á veciñanza”.

Segundo os socialistas, as respostas do rexedor foron vagas e evasivas. Sobre o conserxe, limitouse a xustificar que, ante a urxencia, optaron por unha contratación a través dunha empresa de recursos humanos, sen aclarar se se respectaron os principios de igualdade, mérito e capacidade. No caso das fincas privadas desbrozadas con maquinaria municipal, desviou o asunto cara a unhas obras de acondicionamento subvencionadas pola Xunta, sen precisar información concreta. Respecto ás axudas a entidades e asociacións, recoñeceu que non se pagarán ata decembro, malia o retraso acumulado, e en relación ao proxecto de biometano, negou o acceso solicitado polos socialistas alegando que aínda non está en exposición pública.

Para Díaz, esta actitude “demostra que o alcalde minte, elude e responde o que lle convén, pero non dá explicacións serias”. O voceiro subliña que “o tema da planta de biometano preocupa moito á veciñanza polas afeccións que pode ter, e o mínimo é que o goberno municipal facilite información en lugar de agochala”.

O PSdeG-PSOE de Abadín reclama máis transparencia e respecto polo labor da oposición, porque “sen respostas nin información, a veciñanza queda desamparada”.

“Rancaño utiliza os plenos como un trámite baleiro. A súa obriga é dar explicacións e informar, pero prefire ocultar e mentir. Non imos calar mentres siga gobernando de costas á veciñanza de Abadín”, conclúe Díaz.

⚙ Configurar cookies
0.33030200004578