O PSOE de Abadín cuestiona as prioridades do investimento municipal en Vilarente

O PSOE de Abadín fixo pública unha denuncia veciñal coa que cuestiona as prioridades do Concello á hora de executar investimentos na parroquia de Vilarente. A formación asegura que residentes da zona trasladaron o seu malestar polo estado dun muro de contención dunha pista, que, segundo indican, permanece derrubado desde hai aproximadamente cinco meses sen que se acometera a súa reparación.
Segundo explican os socialistas, a situación tamén afecta ao camiño, que, ao seu xuízo, require unha actuación urxente para garantir a súa correcta utilización.
Ao mesmo tempo, o grupo municipal critica que o Concello destinase 12.415,93 euros, unha contía procedente da Deputación, á mellora do palco da música de Seivane de Vilarente. O PSOE considera que eses recursos deberían empregarse para atender actuacións que cualifica de prioritarias antes que para outras intervencións.
Os socialistas recollen tamén o testemuño dun veciño que cuestiona a utilidade da actuación realizada no palco e manifesta que prefería a infraestrutura anterior por considerala máis práctica.
A formación conclúe preguntando se os investimentos municipais responden ás necesidades máis urxentes da veciñanza e reclama que o goberno local estableza como prioridade a resolución dos problemas básicos existentes no municipio.