O PSOE de Castro acusa ao Concello de falta de xestión dos problemas da auga potable

LugoXa | TerraChaXa
“Non podemos tolerar esta actitude de opacidade e desleixo por parte do goberno local, que actúa cunha clara falta de responsabilidade e respecto cara aos cidadáns que serve”, di
agua_grifo_1600x900
29 Out 2024

O PSdeG-PSOE de Castro de Rei quere manifestar o seu malestar e preocupación pola falta de transparencia e a deficiente xestión informativa por parte do goberno municipal en relación aos problemas da auga potable no concello, que levan meses afectando á veciñanza e poñendo en risco a súa saúde. Esta semana o Concello avisou de que a auga é potable tras semanas sen información.

O súa voceira, Alba Sinde, alerta de que desde o pasado mes de agosto, a veciñanza recibiu unha única comunicación oficial onde se recomendaba non consumir a auga durante seis días debido ao alto contido de arsénico detectado. “Esta recomendación non foi posteriormente actualizada nin revogada, ata esta mesma semana, o que levou a moitos veciños e veciñas a retomar o consumo da auga sen saber se esta cumpría ou non os parámetros de seguridade establecidos polas normativas de saúde pública”.

Ante esta falta de información, os socialistas instaron ao goberno local no pleno de agosto a que mellorase o sistema de comunicación co público. “Esiximos que se notificase a situación de forma efectiva e accesible para todas as persoas, máis aló dunha publicación nas redes sociais, que non é suficiente para chegar a toda a poboación, especialmente á máis vulnerable, as persoas maiores. A resposta do equipo de goberno foi que, ao tratarse dunha recomendación e non dunha prohibición, a difusión por Facebook era o método máis rápido, e que informar casa por casa era innecesario”, detalla Sinde.

“É intolerable que teñamos que enterarnos través dos medios que a auga continuaba sendo non apta para o consumo, unha comunicación que chegou sen ningún outro aviso directo, mantendo aos cidadáns desinformados e creando unha perigosa confusión”, alerta, ao tempo que indica que agora deron información da potabilidade da auga, “pero a información chega tarde, mal e xerando dúbidas na xente”.

Os socialistas de Castro de Rei din que “non podemos tolerar esta actitude de opacidade e desleixo por parte do goberno local, que actúa cunha clara falta de responsabilidade e respecto cara aos cidadáns que serve”.

Denuncian que esta xestión ineficaz da información pretende ocultar a magnitude do problema para evitar as críticas, en vez de poñer en marcha medidas que poidan garantir a seguridade sanitaria da veciñanza.

Desde o PSdeG-PSOE de Castro de Rei esíxenlle ao goberno local que asuma a súa responsabilidade e actúe con transparencia e eficacia. “A saúde da veciñanza debe ser unha prioridade, e demandamos unha solución real e sostible ao problema da auga en Castro de Rei, que non pase por pospoñer inversións fundamentais, senón por acometelas con urxencia para garantir a calidade e seguridade da auga”.

Sinde é clara e di que é o momento de que “se escoite á cidadanía e se actúe sen escusas. Non podemos permitir que a saúde pública sexa ignorada en beneficio da inacción”.

1.7518639564514