O PSOE de Castro de Rei celebra a licitación das obras entre Muimenta e Pacios

LugoXa | TerraChaXa
Alba Sinde destaca que a actuación, cun investimento de case 300.000 euros, chega pouco máis dun mes despois de trasladar esta demanda á Presidencia da Deputación de Lugo
reunion-carmela-alba-sinde
16 May 2026

O PSdeG de Castro de Rei celebrou a aprobación da licitación das obras de mellora da estrada provincial LU-P-1112, que comunica Muimenta e Pacios, unha actuación impulsada pola Deputación de Lugo cun orzamento de case 300.000 euros.

A voceira socialista no concello, Alba Sinde, destacou que esta intervención é “unha mellora moi necesaria para reforzar a seguridade viaria e as comunicación de Castro de Rei” e puxo en valor o compromiso da institución provincial coa mellora das infraestruturas no municipio. “A colaboración coa Deputación de Lugo permite avanzar en actuacións necesarias para as nosas veciñas e veciños e para o día a día do noso rural”, sinalou.

Sinde lembrou que a agrupación socialista trasladou a finais do mes de marzo á Presidencia da Deputación a importancia de acometer a mellora desta estrada, e puxo en valor a rapidez e a receptividade do Goberno provincial para impulsar a súa licitación. “En pouco máis dun mes, aquela petición xa se traduciu nun proxecto concreto. Cando hai escoita, colaboración e compromiso co territorio, as melloras chegan”, afirmou.

Os traballos permitirán rehabilitar preto de catro quilómetros da LU-P-1112, unha vía que actúa como eixo vertebrador das conexións entre distintos núcleos da contorna. Sinde salientou que se trata dunha mellora “moi demandada” pola cidadanía, que facilitará os desprazamentos e reforzará a seguridade viaria nunha zona rural con gran actividade diaria.

“Esta obra demostra que tamén dende a oposición se pode facer política útil, escoitando á veciñanza, trasladando as súas demandas e conseguindo que as administracións respondan con feitos”, subliñou a voceira socialista.

Dende o PSdeG de Castro de Rei reivindican que seguirán traballando nesta liña, “con responsabilidade, constancia e compromiso co noso Concello”, para reclamar novas melloras nas infraestruturas e nos servizos públicos que precisa a veciñanza.

0.12418985366821