O PSOE de Castro de Rei inaugura a súa nova sede

TerraChaXa | LugoXa
O Secretario Xeral do PSdeG participou na inauguración da nova Casa do Pobo de Castro de Rei xunto coa candidata á Alcaldía, Alba Sinde.
inauguracion nova sede psoe castro
inauguracion nova sede psoe castro
23 feb 2023

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, participou este mércores na inauguración da nova sede dos socialistas de Castro de Rei, situada no número 12 da praza García Abad de Castro de Ribeiras de Lea. Un encontro no que acompañou á candidata socialista, Alba Sinde, e ó que acudiu o Secretario de Estratexia e Acción Electoral da Comisión Executiva Federal do PSOE, Javier Izquierdo, xunto á Secretaria de Organización provincial, Pilar García Porto, o Secretario Xeral da agrupación de Castro de Rei e voceiro municipal, José Luis Castro Tellado, o ex Alcalde socialista do municipio Juan José Díaz Valiño, entre outros cargos orgánicos e representantes institucionais, e afiliados e afiliadas.

José Tomé subliñou que coa nova Casa do Pobo de Castro de Rei, “os socialistas reforzamos a nosa vontade de estar cerca da xente”. A situación do local, moi céntrico e a pé de rúa, incidiu, “é un reflexo do noso compromiso de estar sempre pegados ó día a día dos veciños, a carón das persoas, para traballar con elas de cara a mellorar a súa calidade de vida e por un futuro de progreso”. “Este novo espazo será un lugar de encontro no que escoitar a todos os veciños e sacar adiante as políticas de impulso que merece Castro de Rei”, dixo.

O líder dos socialistas na provincia eloxiou á “excelente candidata que temos en Castro de Rei, unha persoa nova, con ilusión e preparación, que representa un claro proxecto de futuro para este concello”.

José Tomé lembrou que os socialistas “gañamos a Alcaldía cando a sede estaba noutro sitio. Eu espero que este local sexa ese impulso que contribúa a alcanzar de novo a Alcaldía”.

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia foi moi crítico coa xestión do Alcalde e animou ós socialistas de Castro de Rei “a darlle todo o apoio a Alba Sinde e traballar con ela. Temos a madeira, a materia prima. Agora entre todos e todas temos que traballar para gañar de novo a Alcaldía e ofrecer a Castro de Rei as políticas de futuro e de progreso que merecen os seus veciños e veciñas”. Tamén lembrou os distintos proxectos que a Deputación impulsa no concello, entre os que destacou a Granxa Gayoso Castro, “que lle da unha gran proxección a Castro de Rei” a través dun labor de apoio e impulso do sector primario.

Pola súa banda, Alba Sinde sinalou que “todos os proxectos, para saír adiante, precisan organización e traballo en equipo, e este local simboliza iso. Vai ser o lugar onde nos podamos reunir para traballar todos unidos e ter o noso traballo ben organizado”.

Un día importante para os veciños e veciñas

Pola súa banda, Javier Izquierdo asegurou que “cada vez que o Partido Socialista abre unha sede é un día importante, para nós, pero sobre todo para todos os veciños e veciñas. Somos un partido cunhas  profundas raíces en todo o territorio e, sobre todo, unhas profundas raíces coa xente”.

O responsable de Estratexia e Acción Electoral do PSOE destacou a importancia de contar “cunha muller moza, preparada e con ganas de traballar polos seus veciños, porque iso é ser alcalde”. Izquierdo contrapuxo “o modelo de cercanía á xente do PSdG coa distancia e o apego ás elites do Partido Popular”.

A Casa do Pobo de Castro de Rei atópase na Praza García Abad, en Castro de Ribeiras de Lea. Ademais de acoller o traballo do partido, este novo espazo estará aberto á veciñanza, no desexo de potenciar “ese contacto permanente coa sociedade que é un dos sinais de identidade que marca a acción política dos socialistas”, como sinalou José Tomé.