O PSOE de Cospeito denuncia deficiencias na escola infantil e o incrumprimento do ratio do persoal

O Grupo Municipal Socialista de Cospeito denuncia as graves deficiencias detectadas na escola infantil municipal tras coñecer o contido das inspeccións realizadas pola Xunta de Galicia, nas que se recolleron incumprimentos relacionados co persoal, co estado das instalacións e coas condicións nas que se presta o servizo.
Segundo explicou o voceiro socialista, Pablo Alvariño, a inspección realizada en abril de 2025 pola Consellería de Política Social e Igualdade constatou o incumprimento da ratio mínima de persoal establecida no Decreto 329/2005, que regula os centros de atención á infancia. A acta recolle que a escola infantil de Cospeito contaba con tres educadoras e unha persoa que desempeñaba funcións de apoio, malia dispoñer de tres unidades en funcionamento: de 0 a 1 anos, de 1 a 2 anos e de 2 a 3 anos.
Alvariño lembra que a normativa establece que o número de profesionais cualificados debe ser equivalente ao número de unidades en funcionamento máis unha persoa e que, ademais, o centro debe contar cunha persoa de apoio para a atención e o coidado das nenas e nenos.
“É dicir, a escola infantil de Cospeito debe contar con catro profesionais cualificados e, ademais, cunha persoa de apoio. A inspección deixou constancia de que este requisito non se estaba cumprindo”, explicou.
O voceiro socialista lembra que, tras coñecerse aquela inspección, o alcalde asegurou que era a primeira vez que a Xunta realizaba esa interpretación da normativa e solicitou unha nova visita á Consellería de Política Social e Igualdade.
O PSdeG advirte de que a acta da segunda inspección, realizada en xuño de 2026, xa non fai referencia á ratio de persoal, pero tampouco aclara se o incumprimento detectado o ano anterior foi corrixido. “O alcalde debe explicar se o centro conta actualmente con todo o persoal esixido e por que unha deficiencia constatada en 2025 desaparece sen máis da seguinte acta”, sinalou Alvariño.
Temperaturas de ata 30 graos e deficiencias nas instalacións
As e os socialistas advirten de que a inspección realizada o pasado mes de xuño detectou novas deficiencias no funcionamento do centro. Entre elas, a acta recolle temperaturas interiores de ata 30 graos, unha situación “indamisible” que compromete o benestar das crianzas e das profesionais, especialmente durante os meses de maior calor.
A inspección identificou tamén graves deficiencias no estado das instalacións, entre elas gretas, humidades, elementos de protección deteriorados e outras incidencias. Ademais, varias familias trasladaron ao PSdeG que o chan de vinilo se atopa moi deteriorado en determinadas zonas, unha situación que consideran un risco importante para a seguridade das nenas e nenos. Segundo denuncia o PSdeG, todas estas deficiencias evidencian a falta absoluta de mantemento por parte do Partido Popular e a necesidade de actuar de maneira inmediata para garantir unhas condicións adecuadas de seguridade.
O PSdeG asegura tamén que varias familias lle trasladaron unha fonda preocupación polo atención que reciben as crianzas no centro e determinadas situacións relacionadas co persoal do mesmo. Segundo a información facilitada polas propias familias, estes feitos poderían ter derivado na apertura dalgún expediente sancionador.
“As familias teñen dereito a coñecer que está acontecendo, se existe algún expediente aberto e que medidas se adoptaron para garantir unha atención adecuada. Falamos do coidado de menores e é imprescindible actuar con transparencia e ofrecer todas as garantías de seguridade e benestar”, alertou o voceiro socialista.
Con todo, o PSdeG formulará varias preguntas no vindeiro Pleno para que o alcalde aclare se se corrixiu o incumprimento da ratio de persoal, informe das medidas adoptadas para emendar as deficiencias detectadas nas instalacións e detalle as actuacións previstas para reducir as elevadas temperaturas no interior do centro.
As e os socialistas reclamarán tamén ao Partido Popular que confirme se existen ou non expedientes abertos en relación co persoal da escola infantil e que medidas se adoptaron para garantir unha atención adecuada, protexer o benestar das crianzas e ofrecer ás familias todas as garantías en relación aos seus fillos e fillas.