O PSOE de Friol acusa ao Concello de deixadez na xestión do viveiro de empresas

LugoXa | TerraChaXa
Quéixanse de que o Concello pretende cobrar os 16.344 euros dos anos 2021, 2022, 2023 e 2024 cunha única liquidación
poligono-industrial-friol
Polígono industrial de Friol
13 Xuño 2024

A agrupación socialista de Friol denuncia a "política de improvisación do Concello, que pretende facer caer as consecuencias da súa ineficiencia sobre os emprendedores que ocupan os espazos do Viveiro de Empresas do Polígono Industrial". Quéixanse de que o Concello pretende cobrar os 16.344 euros que deixou de cobrar durante os anos 2021, 2022, 2023 e 2024 ás empresas instaladas no viveiro de empresas cunha única liquidación.

A voceira do PSdeG en Friol, Ana Pardo, destacou que esta situación é unha mostra máis da deixadez e falta de organización do equipo de goberno, que non axilizou o cobro das cotas de ocupación das naves no seu prazo. Segundo Pardo, "o viveiro de empresas está a disposición de empresas que están comezando a súa actividade, con todo o que iso implica, e agora vanse atopar con facturas que chegan a máis de 7.000 euros nalgún caso, cantidades elevadas para afrontar nun único pagamento".

Na última Xunta de Goberno municipal, a maioría do grupo popular aprobou proceder ao cobro das cotas que deixara atrasar de forma acumulada, o que, segundo os socialistas, "pode poñer en risco a iniciativa empresarial de moitos emprendedores".

Pardo afirmou que "o equipo de goberno está a buscar cartos debaixo das pedras e recorre aos sectores máis indefensos para salvar uns orzamentos imposibles de crer, como xa lles advertiron desde intervención, e que non nos sorprenda se acaban botando a culpa aos funcionarios”.

Ademais, a voceira subliñou a necesidade de atraer emprendedores e facilitar o asentamento de negocios no municipio, en lugar de poñerlles trabas que limiten a súa capacidade para afrontar outros gastos necesarios e investimentos. "Necesitamos axudar aos emprendedores, non perseguilos limitando tan significativamente a súa actividade e capacidade de crecemento", engadiu.

Para os socialistas, esta situación é un exemplo da falta de estratexia e previsión do actual equipo de goberno de Friol. "A falta de planificación leva a consecuencias como a que estamos vendo agora, onde emprendedores con ilusión por iniciar proxectos empresariais no noso municipio se atopan con pagos elevados que dificultan o seu crecemento", concluíu Pardo.

0.17904281616211