O PSOE de Rábade acusa ao PP de manter a parálise durante os tres anos de goberno

LugoXa | TerraChaXa
As e os socialistas censuran a “inoperancia e nula capacidade de xestión” dun Goberno municipal que, pese á súa maioría absoluta, non impulsou ningún proxecto de calado para o municipio
campo-de-futbol-rabade-peche
28 Aug 2026

O PSdeG de Rábade denunciou este mércores que o municipio chega aos tres anos do actual mandato marcado pola parálise do Goberno municipal do PP, ao que acusa de falta de proxecto, planificación e capacidade para impulsar investimentos propios de calado, unha situación que atribúe á “inoperancia e nula capacidade de xestión” do Partido Popular.

As e os socialistas sosteñen que a maioría absoluta do PP “non serviu para facer avanzar Rábade nin para responder ás necesidades da veciñanza” e contrapón esta xestión aos máis de 1,4 millóns de euros mobilizados pola Deputación de Lugo e o Goberno de España para mellorar infraestruturas, accesibilidade e instalacións públicas no municipio.

Para trasladar este balance directamente á cidadanía, o PSdeG está a repartir estes días un folleto informativo polas vivendas de Rábade, no que recolle as principais deficiencias da xestión municipal e detalla os investimentos que están chegando ao municipio da man dos gobernos progresistas.

Entre as cuestións denunciadas figuran as contas municipais intervidas pola Xunta de Galicia, a falta de planificación e de xestión, a ausencia de obras municipais de calado e as deficiencias nos servizos públicos.

Fronte a esta realidade, a formación pon en valor os investimentos que están permitindo executar actuacións relevantes no municipio. Entre elas destaca a nova pasarela peonil sobre a vía ferroviaria promovida por ADIF e financiada polo Goberno de España, cun investimento superior aos 717.000 euros, que mellora a mobilidade e a accesibilidade no centro urbano.

A isto súmanse os máis de 700.000 euros mobilizados pola Deputación de Lugo nos últimos tres anos para rúas, infraestruturas e instalacións deportivas. Entre outras actuacións, destínanse 224.000 euros á Avenida dos Remedios; 132.000 euros ás rúas Miguel de Cervantes e Doutor Fleming; 68.000 euros á rúa Bautista Núñez; 32.000 euros á rúa Álvaro Cunqueiro; e 258.000 euros á modernización do campo de fútbol municipal.

O portavoz do PSdeG no Concello, Alejandro Martínez, asegurou que “Rábade está paralizado e necesita investimentos, proxectos e capacidade de xestión para poder avanzar. Nestes tres anos, o PP demostrou unha enorme inoperancia e unha nula capacidade para impulsar actuacións que melloren a vida da veciñanza”.

“As actuacións que están transformando Rábade veñen de gobernos progresistas dos que forma parte o Partido Socialista. Os feitos demostran quen está traballando e investindo en Rábade e quen leva tres anos instalado na parálise”, afirmou.

Martínez defendeu que o proxecto do PSdeG é “a alternativa real e viable para Rábade”, baseada na planificación, na captación de investimentos e na atención ás necesidades da veciñanza. “Rábade pode avanzar, pero necesita un Goberno con proxecto, prioridades e capacidade para levalas adiante”, concluíu.

0.15058088302612