O PSOE de Riotorto rexeita os orzamentos por "reflectir unha parálise"

TerraChaXa | AMariñaXa
Os socialistas de Riotorto criticaron hoxe o proxecto de orzamentos do PP para o 2023 porque "non presentan nin un só proxecto novo".
casa do concello de riotorto
casa do concello de riotorto
25 Nov 2022

O PSdeG advirte de que as contas municipais “non presentan nin un só proxecto novo para Riotorto”, e que “a única partida que medra é o soldo do alcalde, que ascende a máis de 61.000 euros, para gobernar un concello de 1.000 habitantes”.

Os socialistas de Riotorto criticaron o proxecto de orzamentos do PP para o 2023. Advirten de que as contas municipais “non presentan nin un só proxecto novo para o municipio”, e explican que “a única partida que medra é o soldo do alcalde, que ascende a máis de 61.000 euros (que inclúe dietas, quilometraxe e seguridade social), para gobernar un concello de 1.000 habitantes. E sen esquecer que a muller do noso alcalde tamén recibe un salario do Concello xa que traballa como administrativa, como xa denunciamos no seu día”.

O voceiro do PSdeG, José García Freije, sinalou na sesión plenaria na que rexeitaron as contas municipais, que o Concello esta enchendo as arcas públicas á conta do incremento nos recibos de recollida de lixo, que subiron un 100%, ou mesmo cos recibos do IBI (contribución), así como do imposto de construción, cando o concello esta ingresando dos impostos dos veciños 355.000 euros (lixo, contribución e licencia de obras). “Non podemos impoñer ás familias a carga económica da nosa vila, porque entendemos que agora é o momento de axudar ás familias e non de subirlles os impostos. Todo o mundo ten que apretar o cinto e o Concello tamén debe dar exemplo”. Nesa liña, lembrou o gasto de 682.000 euros adicado ao persoal laboral do Concello.

García tamén lembrou o investimento de preto de 300.000 euros da Deputación de Lugo, a través do Plan Único. “Esta cantidade é a que ano tras ano está concedida dos fondos provinciais para o Concello de Riotorto, segundo criterios públicos e obxectivos. Uns recursos que son destinados para realizar obras de mellora nos viais municipais, manter o Servizo de Axuda no Fogar ou impulsar o turismo, entre outros moitos obxectivos. Aquí hai un compromiso real para mellorar a calidade de vida da  veciñanza, e non o fume que vende o PP”, recalcou.

“Dende o grupo socialista de Riotorto rexeitamos os orzamentos do PP, xa que non reflicten nin unha soa medida que reverta a situación de parálise que padecemos actualmente, e tampouco conta cunha soa iniciativa encamiñada a asentar poboación no municipio ou que mellore os nosos servicios. O único proxecto polo que apostou o Concello do PP, o alcalde e o seu goberno, é pagar por un terreo 36.000 euros para que Sogama instale unha planta de residuos no lugar de Vilaseca, sen contar co consenso dos veciños e veciñas de Riotorto”, dixo José García.

0.10008311271667