O PSOE de Vilalba busca o acordo de todos o grupos para reclamar “unha actuación urxente” na estación de autobuses

Os socialistas de Vilalba levan ao pleno municipal de mañá, xoves 28 de maio, unha moción co obxectivo de “fixar como posicionamento político do pleno da Corporación a necesidade de contar cunha estación de autobuses en perfectas condicións de mantemento, e cunha estratexia de mobilidade adaptada ás necesidades do concello”.
Despois de máis de dous anos de xestións por parte da alcaldesa, Marta Rouco, solicitando unha actuación na estación á Xunta, propietaria das instalacións, o PSOE leva mañá este tema á sesión e considera que “o pleno debe adoptar un posicionamento ao respecto deste problema”.
A moción tamén solicita “requirirlle á directora xeral de Mobilidade da Xunta, con carácter de urxencia, que remita resposta por escrito ao pleno sobre as actuacións ás que se compromete a Xunta en relación co estado da estación e a mobilidade en autobús na nosa vila”.
A situación actual da estación de autobuses “é dun completo abandono e desleixo por parte da Xunta de Galicia, administración competente no mantemento desta infraestrutura”.
Os socialistas levarán ao pleno de mañá unha segunda moción para demandar á Xunta “melloras estruturais urxentes” nos centros educativos.
O PSOE lembra que o concello ten as competencias para as tarefas de mantemento dos centros, pero lle corresponden á Xunta “as obras de mellora estruturais”, xa que as competencias de ensino son do goberno galego.