O PSOE de Vilalba considera “unha vergoña” que o PP local “respalde a discriminación da Xunta aos nosos veciños co canon da auga”

TerraChaXa
O pleno municipal aproba, coa abstención do Partido Popular, que o concello reclame ao goberno galego “o 80% do recadado no concello polo canon”
pleno-de-vilalba-marta-rouco
26 Sep 2026

Os socialistas de Vilalba lamentan de novo a postura do PP no pleno municipal, “no que respaldaron unha vez máis a discriminación da Xunta de Galicia aos nosos veciños e veciñas. Unha vergoña”.

O pleno aprobou, cos votos a favor de PSOE, Vilalba Aberta e BNG, unha moción na que se demanda á Xunta “un sistema público, regulado e transparente de distribución do canon da auga, baseado en criterios obxectivos e verificables”.

“O PP abstívose, dando as costas de novo aos intereses de Vilalba”, asegura Marta Rouco, alcaldesa e secretaria xeral do PSOE de Vilalba, “co argumento peregrino de que é necesario un criterio de reparto xusto e equilibrado da recadación, que é precisamente o que pide a moción”.

“O modelo actual decide os investimentos co único criterio dos intereses electorais do PP”, engade Rouco.

Entre os anos 2012 e 2025, a Xunta ingresou dous millóns de euros desde Vilalba polo canon e só investiu no concello 14.000 euros a través dunha subvención.

O pleno reclama coa moción que “como mínimo, o Concello de Vilalba reciba o 80% desta recadación en investimentos relacionados coa mellora da eficiencia e da sostibilidade do ciclo da auga”.

No texto da moción, os socialistas lembran que “existen municipios que, a pesar de realizar unha elevada achega recadadora, non teñen recibido investimentos significativos con cargo a estes canons, mentres que outros concellos contan cunha presenza reiterada de convenios e actuacións financiadas pola Xunta”.

Os socialistas piden “un informe anual público, detallado e desagregado por concellos da distribución da recadación; temos que garantir que a asignación de recursos non estea condicionada por criterios partidistas nin por afinidades políticas, senón exclusivamente por parámetros técnicos, ambientais e de necesidade obxectiva”.

Educación

O PP votou tamén en contra dunha segunda moción do PSOE, na que reclamaba á Consellería de Educación que permita a matrícula no primeiro curso do Ciclo de Grao Básico de Informática de Oficina no IES Lois Peña Novo. Aprobouse cos votos a favor dos socialistas, Vilalba Aberta e BNG.

A Consellería de Educación da Xunta asegurou no mes de xullo que o primeiro curso do ciclo tiña autorización para comezar a pesar de non alcanzar o mínimo de oito matrículas, para posteriormente no mes de setembro suprimir esta autorización a moi poucos días do comezo do curso.

O PSOE de Vilalba censura “o comportamento da Consellería de Educación e nomeadamente do seu conselleiro, Román Rodríguez”, e solicita que “de xeito excepcional, e no presente curso escolar, se permita a matricula no primeiro curso do citado ciclo de informática”.

0.16039204597473