O PSOE de Vilalba culpa á Xunta de poñer atrancos ás obras e subvencións

TerraChaXa
O PSOE de Vilalba sostén que “a verdadeira lousa para o noso concello é unha Xunta de Galicia que o único que fai é poñer paus nas rodas, como pasa na obra do Camiño do Cotarón”.
18 Xan 2024

O PSOE de Vilalba sostén que “a verdadeira lousa para o noso concello é unha Xunta de Galicia que o único que fai é poñer paus nas rodas, como pasa na obra do Camiño do Cotarón”.

En resposta a unha publicación realizada onte polo PP de Vilalba, na que asegura que o concello está en risco de perder unha subvención que recibiu para as obras de renovación dos servizos e a humanización do Camiño do Cotarón, os socialistas lamentan “as mentiras e a nula colaboración por parte do goberno galego”.

“En primeiro lugar, din que as bases da subvención para os traballos saíron en xaneiro de 2023 no DOG, pero ocultan que a resolución da concesión asinouna a Xunta o 16 de xuño”, apunta Eduardo Vidal, secretario xeral dos socialistas de Vilalba.

“Levoulle máis tempo á Xunta resolver a concesión das axudas que o prazo que lle queda ao concello para facer a obra”, afirma.

O Concello axilizou ao máximo o proceso de adxudicación das obras durante o verán e os socialistas aseguran que “o concello solicitou o 16 de novembro unha primeira prórroga”, xa que foi necesario realizar unha negociación entre os propietarios da parcela unha vez comezados os traballos, a meteoroloxía foi moi adversa, e houbo que modificar a rede de saneamento proxectada por unha petición dos técnicos, entre outras dificultades.

“A Xunta nin se dignou a contestar a esta petición de prórroga, polo que a solicitamos por segunda vez o 29 de novembro e tampouco contestaron”, engade Eduardo Vidal, que remata lembrando que “estas subvencións do Fondo de Compensación Ambiental deben destinarse só aos concellos que teñen parques eólicos, e non estenderse a outros concellos amigos do PP que non teñen parques”.

0.19502687454224