O PSOE de Vilalba "lamenta" o voto en contra do PP para reclamar á Xunta atención urxente para a estación de autobuses

O pleno municipal de Vilalba aprobou onte, cos votos a favor do PSOE, Vilalba Aberta e BNG, e o voto en contra do Partido Popular, unha moción impulsada polos socialistas en defensa dunha estación de autobuses digna.
O PP compartiu “a preocupación polo estado da estación”, que é titularidade da Xunta, e recoñeceu que “os veciños merecen unhas instalacións acorde o que é o noso pobo”, pero rexeitou a moción, pedíndolle ao concello que trasladara unha proposta de reforma á Xunta.
“Unha vez máis, o PP pon unha vez máis os intereses do partido por diante dos intereses da veciñanza”, asegurou Marta Rouco no pleno, lembrando que “a directora xeral de Mobilidade da Xunta coñece perfectamente o que pedimos desde hai máis de dous anos, que como mínimo é un lugar cuberto para agardar o autobús, uns paneis informativos e uns aseos”.
A moción presentada polo PSOE tiña o obxectivo de “fixar como posicionamento político do pleno da Corporación a necesidade de contar cunha estación de autobuses en perfectas condicións de mantemento”.
Despois de máis de dous anos de xestións por parte da alcaldesa, a moción también solicitaba “requerirlle á directora xeral de Mobilidade da Xunta, con carácter de urxencia, que remita resposta por escrito ao pleno sobre as actuacións ás que se compromete a Xunta en relación co estado da estación e a mobilidade en autobús na nosa vila”.
A situación actual da estación de autobuses “é dun completo abandono e desleixo por parte da Xunta de Galicia, administración titular e competente no mantemento desta infraestrutura”.