O PSOE denuncia os prexuízos da moratoria do eucalipto

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Martín Seco denuncia que a prohibición “en diferido” e “á carta” provocou un “efecto chamada” que acabou coas existencias nos viveiros.
martin seco carmen rodriguez psoe parlamento
martin seco carmen rodriguez psoe parlamento
31 may 2021

Martín Seco denuncia que a prohibición “en diferido” e “á carta” provocou un “efecto chamada” que acabou coas existencias da especie nos viveiros, mentres devaluaba os prezos do piñeiro

O portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Martín Seco, denunciou hoxe que a moratoria do eucalipto, anunciada pola Xunta con 4 meses de anticipación, “amplificou os problemas de monocultivo ao tempo que castigaba aos pequenos produtores”. O responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión na que acusou á Xunta de converter o seu Plan Forestal en “papel mollado” días despois de aprobalo.

Denunciou ademais que esta moratoria, ademais de “en diferido”, foi presentada “á carta”, permitindo máis prazo para grandes proxectos, como o da empresa Plafor, que vai cubrir con esta especie o equivalente a 760 campos de fútbol en As Pontes, no distrito máis castigado. Dixo que “non pode ser que estean a perseguir con multas a pequenos produtores que estean fora de prazo e permitindo grandes producións de monocultivo de eucalipto”.

Seco explicou que esta moratoria permitía continuar coa plantación da especie só nas parcelas que xa dispuxeran dela, e ademais deu catro meses de prazo aos pequenos propietarios para desfacerse do piñeiro e facerse con plantóns de eucalipto. Isto derivou en que os viveiros galegos esgotaran as existencias desta especie, mentres tiraba por terra os prezos do piñeiro, xa que os profesionais non daban abasto para talar as árbores, “regaladas” para cambiar a produción.

Acusou ao goberno galego de impoñer a Lei do “sálvese quen poida” dando unha mensaxe nidia de “apurade e plantade rápido todo o eucalipto que poidades, antes de que o prohibamos para todos aqueles que non estiveron avispados”. Co engadido, dixo, de que esta estratexia desbotaba o Plan Forestal días despois de aprobalo en pleno, un documento que fixaba un aumento do 3 por cento da superficie de eucalipto en cinco anos, para reducila un 5 por cento no cuarto quinquenio.

O portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Martín Seco, lamentou hoxe o “éxito” da anunciada prohibición da plantación de eucalipto por parte de Medio Rural, que ao dar un prazo de catro meses provocou un “efecto chamada” para disparar a plantación masiva da especie.

Bálsamo de Fierabrás

Cuestionou que se presenten como “defensores do medio ambiente ao mesmo tempo que son os grandes defensores dos propietarios forestais e da gran industria”. Criticou que “queren ser como o Bálsamo de Fierabrás, o gran remedio para tódolos males, pero unha vez máis as súas ocorrencias traen consecuencias graves para tódolos nosos sectores produtivos”.

Martín Seco presentou o informe nunha revista especializada do grupo Smartforest, con investigadores galegos, sinalando que tódolos distritos de A Coruña e 2 de Pontevedra xa superaron o valor limiar do 45 por cento para o grao de ocupación actual de eucalipto. Ademais, alerta de que o hábitat para eucalipto incrementarase polo cambio climático, o que “pode agravar os potenciais conflitos naquelas áreas de alta biodiversidade”.

O responsable socialista reclamou unha actuación en catro eixos, comezando polo cumprimento da Lei e a planificación, facendo un Plan Forestal realista e consensuado co sector, superando o “desprezo” que lle demostra o goberno galego. A continuación, reclamou unha xestión forestal sostible e, como terceiro eixo, un monte e un agro complementarios que “deixen de estar de costas e enfrontados”.

Finalmente, apostou polo reequilibro forestal que permita romper coas “tres galicias forestais”, coa plantación de especies por todo o territorio, rompendo cos modelos de monocultivo ao servizo dun oligopolio industrial, o abandono da montaña oriental, e a gran diagonal central de Galicia da conflitividade e a inseguridade”.