O PSOE de Abadín reclama ao alcalde que cumpra co compromiso de facer unha residencia

TerraChaXa
Os socialistas de Abadín reclaman ao Alcalde que cumpra co seu compromiso de construír unha residencia de maiores no municipio.
edificio residencia maiores abadin
edificio residencia maiores abadin
25 Out 2023

Os socialistas de Abadín reclaman ao Alcalde que cumpra co seu compromiso de construír unha residencia de maiores no municipio. Así informou o Voceiro do PSdeG no Concello, Pablo Díaz, que sinalou que o vindeiro 9 de novembro levarán a un pleno extraordinario a necesidade de sacar adiante esta dotación social “moi demandada” pola veciñanza.

“Hai máis de tres anos que este grupo presentou unha proposta para levar a cabo a construción dunha residencia da terceira idade no noso concello, algo moi demandado e moi necesario para os nosos veciños e veciñas dende hai moitos anos”, expuxo o socialista. Díaz lamentou ter que solicitar un Pleno extraordinario para abordar o asunto, “o que demostra o nulo interese do equipo do goberno do PP para a súa creación”.

Explicou o socialista que en xullo do 2021 o Alcalde anunciou que o Concello ía crear unha residencia de maiores “no prazo de menos dun ano e que o custo da obra, que sería financiada polo Concello, acadaría os 1,5M€”. Díaz relatou que pasada a data na que tiña que estar rematada a obra, os socialistas presentaron unha nova proposta para obter información sobre a situación na que se encontra. “Soubemos que xa non ía ser financiada polo Concello, que tiñan que asinar un convenio coa Consellería, e que esta ía achegar un pouco máis do 50% do orzamento total, valorado en 2M€”, explicou.

Lamentou tamén o socialista os cambios de criterio do Alcalde, que primeiro anunciou a financiación municipal da residencia para “segundo dixo, poder facela canto antes, e aínda non coñecemos tan sequera o proxecto da mesma a pesar de solicitalo”.

“Non imos permitir que sexa outra promesa incumprida do Alcalde como foron as axudas económicas que ía a dar aos sectores afectados pola pandemia, ou o acordo para o arranxo do céspede do campo de fútbol ou o PXOM entre outros”, sentenciou Pablo Díaz.

Na súa moción, os socialistas fan unha proposta para levar a cabo a construción dunha residencia de maiores “tan necesaria e demandada pola nosa veciñanza e para así poder atender ás persoas maiores e en situación de dependencia no noso Concello”.

0.21127510070801