O PSOE e Cospeito denuncia "o abandono" dos accesos á lagoa e pide unha actuación urxente

O Grupo Municipal Socialista denuncia o estado “lamentable” dos accesos á lagoa de Cospeito e reclama ao Goberno municipal do PP unha actuación urxente para reparar a pasarela de madeira da entrada principal e limpar a maleza que invade esta estrutura e os seus arredores. O voceiro socialista, Pablo Alvariño, advirte do risco para as persoas que visitan este espazo e critica a nula resposta do alcalde, malia ter coñecemento do problema dende o pleno de agosto.
Alvariño explica que a pasarela presenta múltiples roturas e táboas moi deterioradas e inestables, ademais de estar case por completo invadida pola vexetación. A falta de limpeza afecta tamén ás zonas próximas á explanada da entrada, utilizada como aparcadoiro e como acceso á ruta que rodea a lagoa.
O voceiro do PSdeG lembra que presentou un rogo no pleno de principios de agosto no que solicitaba a reparación e a limpeza urxentes da pasarela e da contorna da explanada. Segundo explica, o rexedor respondeu que descoñecía a situación e que tomaba nota da petición. Porén, transcorrido máis dun mes, os accesos “seguen igual ou peor”.
“O alcalde xa non pode dicir que descoñece o problema. Explicámoslle no pleno o estado da pasarela e a necesidade de actuar con urxencia, pero seguimos agardando a que faga algo”, critica Alvariño, que considera que esta demora evidencia a deixadez do Partido Popular no mantemento dos espazos públicos do municipio.
“Unha vez máis, chega setembro e seguimos cos traballos sen facer. Volverán as choivas e atoparémonos coa historia de todos os anos: os arranxos quedan pendentes ata que hai que actuar tarde, mal e arrastro. Non ten ningún sentido afrontar o inverno coa pasarela neste estado e os accesos invadidos pola maleza”, critica o voceiro socialista. Alvariño advirte de que esta deixadez compromete a seguridade das persoas que pasean pola zona e “ofrece unha pésima imaxe do noso concello a quen se achega a coñecer a lagoa, probablemente o lugar máis visitado de Cospeito”.
As e os socialistas esixen que o PP acometa de inmediato os traballos de reparación e limpeza. “De que serviu que o alcalde tomase nota se máis dun mes despois non fixo absolutamente nada? A nosa veciñanza e as persoas que visitan Cospeito teñen dereito a acceder á lagoa en condicións de seguridade. O PP debe asumir a súa responsabilidade e resolver este problema de inmediato”, conclúe Alvariño.