O PSOE esixe a declaración de praga da vespa velutina

TerraChaXa
O secretario Xeral do PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, o secretario de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Edmundo Maseda, –tamén alcalde do Valadouro-, e o rexedor de Alfoz, Jorge Val Díaz, alertaron sobre as consecuencias de salubridade, económicas e medioambientais que está a supor a invasión da vespa velutina; explicaron a súa constante evolución e adaptación ao medio, e detallaron os traballos que Concellos, avicultores e veciños están a facer para combater a vespa velutina.
vespa
25 Xul 2018

O secretario Xeral do PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, o secretario de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Edmundo Maseda, –tamén alcalde do Valadouro-, e o rexedor de Alfoz, Jorge Val Díaz, alertaron sobre as consecuencias de salubridade, económicas e medioambientais que está a supor a invasión da vespa velutina; explicaron a súa constante evolución e adaptación ao medio, e detallaron os traballos que Concellos, avicultores e veciños están a facer para combater a vespa velutina. “A Xunta desentendeuse totalmente deste asunto, deixándoo en mans dos municipios sen medios, como sempre. Isto é un exemplo máis do abandono da Xunta ao noso rural, cando esta ía a ser, segundo aseguraron, a lexislatura do rural”, apuntaron Santos, Maseda e Val.

Os socialistas adiantaron e motivaron as medidas que reclaman ao Goberno galego para tentar controlar a velutina. Fano a través dunha moción que presentarán en concellos da provincia e Deputación de Lugo. Nesta esixen ao Goberno galego a declaración de praga da velutina debido a súa constante expansión, pois apareceu na Mariña, pero hoxe xa invade practicamente todo o territorio galego. Isto obrigaría á Xunta a habilitar medios económicos e humanos especializados para facerlle fronte cos que hoxe non se contan. Os socialistas propoñen ademais a coordinación de todos os medios autonómicos para tentar combatela, feito que non levou a cabo o Goberno galego cando os propios profesionais se ofreceron a facelo. “As brigadas de incendios, os axentes forestais....outros profesionais, que non só están para multar á xente, poden axudar”, destacou o secretario de Medio Ambiente da Executiva Provincial Socialista.

Expansión, adaptación e medios insuficientes. Os niños xa aparecen soterrados

Maseda explicou que a vespa velutina antes só aparecía en zonas cálidas. Foise adaptando ao medio e as condicións climatolóxicas, chegando a Ourense, Bélxica, Suíza ou aos Alpes Franceses, entre outros moitos territorios. Os niños sempre se situaban en zonas altas, pero hoxe xa aparecen soterrados. Ao respecto da limitación de medios, apuntou que por exemplo os GES, que son os únicos axentes que ofrece a Xunta, só poden acceder a niños situados a non máis de 6 metros de altura. Isto provoca que Concellos, avicultores e veciños en xeral se fagan cargo da súa retirada cos medios cos que conten. Moitos cidadáns se queixan de ter chamado aos teléfonos de emerxencia que ofrece a Xunta de Galicia e agardar semanas a que aparecese algún efectivo, sen que isto sucedese finalmente. Unha vez máis, Concellos, avicultores e veciños fan o que non quere asumir o Goberno galego, aínda ser a administración pública responsable.

Unha das medidas que tomou a Xunta foi ofrecer ás patrullas de Protección Civil tan só traxes para erradicar niños, supoñendo un perigo para estes voluntarios, pois nin lles ofreceu formación e información específica sobre a especie, nin máis medios necesarios para contraatacala. O Goberno galego aconsella a compra de trampas ou líquidos con prezos duns 12 euros. É dicir, non pon estes medios a disposición dos veciños. Os cidadáns fan as súas propias trampas por céntimos e mercan os produtos que requiren ao prezo que determine o mercado.

O tamén Alcalde do Valadouro indicou que a velutina antes só atacaba as abellas, supoñendo xa grandes perdas económicas. Por exemplo, no Valadouro, onde o mel está recoñecido e conta con distintos galardóns a nivel nacional, a vespa matou a miles de milleiras de abellas na tempada pasada, deixando a ducias de profesionais sen produción algunha. Hai casos nos que puxo fin ás 50 colmeas dun mesmo produtor, deixándoo sen mel. Hoxe este depredador, pois é carnívoro, ataca outros cultivos como os de uvas, figos ou mazas, chegando incluso a comer carne ou pescado. Polo tanto, as consecuencias económicas vanse agravando.

Perigos para os veciños

Maseda explicou que o feito de que os niños de velutina xa xurdan ata en zonas soterradas, é dicir, que poden aparecer en lugares inesperados ata o momento, supón un perigo para os veciños. Localízanse, por exemplo, en zonas forestais onde se están a levar a cabo traballos de desbroce ou lugares onde se están recollendo cultivos. A falta de información sobre onde se poden situar os niños –pois o mapa da Xunta nin tan sequera ten información exacta, faltando moitísimos niños por localizar e habendo municipios nos que non figuran ningún, cando si os hai-; así como que a cidadanía descoñece na súa grande maioría se son alérxicos as súas picaduras e os efectos das mesmas, pon en perigo a vida dos veciños. De feito, xa se produciron mortes.

O PSOE reclama ao Executivo autonómico a elaboración dun estudo técnico pormenorizado para, non só tentar ter unha maior precisión na localización dos niños, senón, principalmente, coñecer o ciclo biolóxico da vespa velutina, o seu comportamento, evolución, adaptación, consecuencias para a salubridade ou o medio ambiente, pois xa está a atacar a outros polinizadores ademais das abellas, alterando a natureza. Ademais, existen experiencias noutros países que contribuirían a un coñecemento co que tentar controlar esta especie.

Estratexia Europea. Revisar o protocolo do Ministerio de Medio Ambiente

Os socialistas tamén demandan que a invasión da velutina se aborde no seno da Unión Europea para definir unha estratexia comunitaria; así como que o Ministerio de Medio Ambiente revise e actualice o protocolo que se definiu no 2015 baixo o nome de Estratexia de Xestión, Control y Posible Erradicación del Avispón Asiático o Avispa Negra, posto que dende a súa aprobación a especie evolucionou e expandiuse considerablemente.

0.21373295783997