O PSOE esixe á Xunta Hemodinámica 24 horas na provincia
O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos; os Deputados Socialistas no Parlamento galego pola Provincia de Lugo, Concepción Burgo, Luis Álvarez e José Antonio Quiroga; os Alcaldes de Guitiriz, A Fonsagrada e Monforte de Lemos, Regina Polín, Argelio Fernández e José Tomé; o voceiro do Goberno municipal de Lugo e Secretario de Sanidade na Executiva Provincial Socialista, Miguel Fernández; e representantes da Federación de Asociacións Veciñais Lugo, Jesús Vázquez, Miguel Ángel Corredoira e Luis Abel, concentráronse este martes diante da Cámara autonómica para abordar xunto aos medios de comunicación a situación que viven os lucenses pola decisión política do PP de non dotar á provincia de Hemodinámica as 24 horas.
Fixérono para defender unha necesidade prioritaria para a saúde dos veciños de Lugo (contar con Hemodinámica 24H) e antes do debate no Parlamento galego da enésima moción que presenta o PSOE para esixir ao PP na Xunta a inmediata dotación deste servizo, este mesmo ano; así como a publicación de todos os datos do Rexistro Galego de Infarto de Miocardio (REGALIAM), que os populares non fan públicos aínda amparándose nos mesmos para non levar esta prestación ao hospital de Lugo.
Trátase dunha iniciativa que xurdiu logo de que os socialistas conseguisen que o Goberno galego do Partido Popular facilitase uns poucos datos do REGALIAM tras advertilo de que se non o facía acudiría aos tribunais (TSXG). Esta información oficial reflexa que en Lugo a media de mortalidade por infarto aos 30 días e o tempo de espera de atención é o máis alto de toda Galicia, así como que o 75% dos lucenses que sufriron esta situación tiveron que ser trasladados e atendidos noutros hospitais, fóra da súa provincia, por non ter no HULA Hemodinámica 24 horas.
Santos Ramos destacou que “dende o PSOE, o partido que sempre defendeu Hemodinámica 24 horas no HULA, presentamos esta nova iniciativa porque estamos fartos das mentiras do PP e do seu desprezo aos veciños da provincia. Os datos do REGALIAM non son públicos na súa totalidade. Os poucos que nos facilitaron amosan que os lucenses estamos sendo maltratados polas decisións políticas e unilaterais do PP na Xunta, que leva 7 anos negándonos Hemodinámica 24 horas na nosa provincia. O tempo medio de atención dos lucenses que sofren un infarto é de 155 minutos, o máis alto de Galicia. Noutras provincias é de 102. Hai case un hora de diferenza. Todos os expertos manteñen que a espera non debe superar os 120 minutos. En Lugo, a taxa de mortalidade por infarto aos 30 días é o dobre que noutras provincias. Todo isto significa que o capricho do PP de non dotar a Lugo de Hemodinámica 24 horas están sendo moi negativo para a saúde e as vidas dos lucenses. Non podemos consentir isto”.
“O PP debe dotar a Lugo desta prestación sen escusas, sen dilatacións, sen máis mentiras e sen máis desprezos aos lucenses. E tamén debe facer pública a información íntegra do REGALIAM, un rexistro que creou para xustificar ante os lucenses que non necesitamos Hemodinámica 24 horas. Temos dereito a coñecer esta información que para o PP poden ser simples datos pero que para nós son as vivencias de centos de veciños que sufriron un infarto sen contar cos medios necesarios na súa provincia para ser atendidos. É a realidade que se vive na nosa provincia e que o PP por algún motivo agocha. Os lucenses temos dereito a coñecer unha información que está a condicionar as nosas vidas. É verdade que despois de 7 anos sen Hemodinámica 24 horas en Lugo non se poden resolver situacións, pois con toda seguridade hai danos irreparables. Pero o que non podemos consentir é que isto continúe do mesmo xeito, que os lucenses morran máis ou sexamos peor atendidos e polo tanto poidamos padecer maiores consecuencias porque o Partido Popular non nos ofreza un servizo fundamental para as nosas vidas dende unha sanidade pública e universal a que todos temos dereito por igual, vivas onde vivas, sexas da provincia que sexas”, engadiu o Secretario Provincial do PSOE.
Pola súa banda, Jesús Vázquez, Presidente da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo (a maior federación que existe en Galicia, pois conta con preto de 300 colectivos) destacou que “estamos hoxe aquí en representación dos 42.000 lucenses que asinaron a ILP para esixir a implantación de Hemodinámica 24 horas na nosa provincia, en representación dos máis de 17.000 lucenses que saíron ás rúas para reclamar esta prestación social, en definitiva, polos 300.000 veciños da provincia de Lugo. Por todos eles, polos que morreron ou se salvaron, reclamamos Hemodinámica 24 horas xa. Os datos do REGALIAM avalan as nosas peticións polo que imos a seguir loitando para que non haxa máis demora na implantación deste servizo na provincia”.
Crónica da defensa e loita por Hemodinámica 24H en Lugo dende hai un década
A defensa e a loita por Hemodinámica 24 horas na provincia de Lugo retómase polo menos hai máis dunha década, pois cando o PSOE chega á Presidencia da Xunta de Galicia tivo que modificar o proxecto inicial de construción do HULA tras verificar que o deixado polo PP non contempla servizos como Hemodinámica 24 horas que introduciron os socialistas. No 2009, antes de abandonar o Goberno da Xunta, o PSOE deixou practicamente listo o edificio do novo hospital de Lugo e 38 millóns de euros no orzamento autonómico dese ano para o seu equipamento.
Pasaron dous anos ata que o PP decidiu abrir o HULA. Fíxoo sen Hemodinámica 24 horas. Foi o 26 de febreiro de 2011, cando Feijóo inaugurou o hospital de Lugo e prometeu publicamente a inmediata posta en marcha desta prestación, que sete anos despois segue sen funcionar todos os días do ano. Ante esta situación, o PSOE presentou máis de 80 iniciativas parlamentarias, esixindo ao PP na Xunta a dotación de Hemodinámica 24h.
Simultaneamente, ante a constante negativa dos populares, a provincia de Lugo viviu o maior movemento social da historia, acollendo multitudinarias manifestacións nas que participaron máis de 15.000 lucenses reivindicando este imprescindible servizo. Os lucenses protagonizaron a ILP co maior respaldo na historia do Parlamento galego, pois 41.000 veciños asinaron esta iniciativa pedindo ao Goberno galego a implantación xa de Hemodinámica 24 horas. O PP foi capaz de modificar a ILP.
Só a presión social dos lucenses e a política dende o PSOE fixo posible algún avance ao respecto durante todo este tempo. Ás portas das últimas eleccións municipais, en abril de 2014, o PP decidiu implantar Hemodinámica no HULA en horario de oficina, de 8 da mañá ás 15 da tarde. Isto nin respondeu ás reivindicacións dos lucenses nin ás súas necesidades polo que as reclamacións veciñais e presións políticas non cesaron.
O PP continuou negando aos lucenses o servizo 24 horas, amparándose nos datos do Rexistro Galego de Infarto de Miocardio (REGALIAM) que creou para xustificar esta decisión política. Segundo o Partido Popular, os datos do REGALIAM reflexan que Lugo non necesita Hemodinámica 24 horas. Pola contra, os propios profesionais do sector, como o Xefe de Cardioloxía de Lugo, Carlos González Juanatey, sempre defenderon e defenden a súa implantación.
O PP na Xunta de Galicia nunca fixo públicos os datos do REGALIAM que o PSOE lle pediu en múltiples ocasións. Ante esta situación, os socialistas advertiron ao PP no Executivo autonómico que de non facilitar esta información oficial acudirían ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Esta advertencia supuxo que o PP ampliase en Lugo o servizo de Hemodinámica ata as 22 horas e entregase aos socialistas uns poucos datos do REGALIAM que reflexan unha realidade demoledora para a provincia de Lugo: é a que rexistra a maior taxa de mortalidade por infarto aos 30 días de Galicia e o tempo de atención máis alto tamén de todo o territorio galego, sendo de 155 minutos cando os expertos manteñen que non debe superar os 120; así como que o 75% dos lucenses que padeceron un infarto tiveron que ser trasladados e atendidos a outros hospitais porque na provincia Hemodinámica, en horario de oficina, estaba pechado.
Con este información parcial e cun servizo ata as 22 horas que, segundo o propio PP na Xunta de Galicia, deixa fóra a un terzo da poboación lucense, PSOE e veciños esixen a implantación xa de Hemodinámica 24H no HULA e a publicación de todos os datos do REGALIAM que condicionan dende vidas dos lucenses.