O PSOE esixe ao PP que atenda as queixas sobre o servizo de Hemodinámica do Hula 24 horas

TerraChaXa
O Secretario Xeral do PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, esixiu ao Partido Popular que “atenda dunha vez por todas as queixas dos máis de 42.
20 Xul 2018

O Secretario Xeral do PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, esixiu ao Partido Popular que “atenda dunha vez por todas as queixas dos máis de 42.000 lucenses que asinaron a ILP co maior respaldo na historia do Parlamento Galego e que esixen á Xunta de Feijóo a implantación xa do Servizo de Hemodinámica as 24 horas no HULA”. Fíxoo estas declaracións tras as críticas do portavoz municipal do PP, Antonio Ameijide, solicitando ao Goberno Socialista no Concello de Lugo que atenda as reclamacións veciñais.

Santos Ramos subliñou que “Ameijide o que debería facer, para ser coherente  consigo mesmo, era  esixirlle ao PP que atendese as reivindicacións e reclamacións que asinaron 42.000 lucenses pedindo Hemodinámica 24 horas para que deixe de morrer xente na provincia de Lugo por non ser atendida como é debido. Pero non o vemos con esa reivindicación, nin preocuparse por esta situación de maltrato que estamos sufrindo todos os lucenses. O portavoz do PP debería preocuparse de que o PP atendese na Xunta de Galicia estas peticións que berraron 17.000 veciños nas rúas de Lugo en máis dunha manifestación, pedindo uns servizos sanitarios dignos.”

“Tamén debería preocuparse de que o PP fose tan transparente como é o PSOE no Goberno do Concello de Lugo porque aínda non sabemos canta xente ten o PP na lista de espera non estrutural do HULA, nin canta xente faleceu por sufrir un infarto en Lugo por culpa de que o PP non puxera o Servizo de Hemodinámica as 24 horas. O señor Ameijide debería observar con máis atención o ben que o están facendo os socialistas no Concello de Lugo e pedirlle aos seus compañeiros do PP que sexan igual de transparentes e respondan coa mesma rapidez que solicita ao Consistorio esas reclamacións, que non son 27, son 42.000 firmas de veciños de toda a provincia”.

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo convidou ao portavoz do PP a que “se preocupen das ducias e ducias de persoas, que diariamente, trasladan as súas queixas á unidade de atención ao paciente do HULA pola falta de recursos e persoal para ofrecer un servizo de garantías”.

O Executivo Municipal Socialista no Concello de Lugo, nun exercicio de transparencia, decidiu entregar todos os meses aos grupos da oposición un informe detallado con todas as peticións e suxestións que teñen os lucenses. “Con estes datos Antonio Ameijide o único que fai é utilizalos como ferramenta política para criticar ao goberno. Pola contra, os socialistas no Concello de Lugo respondemos a cada unha das demandas que nos solicitan os veciños e traballamos para poder cubrir e satisfacer as súas necesidades. Por este motivo, a Alcaldesa de Lugo puxo en marcha un novidoso Plan de Barrios, dotado con 2,3 millóns de euros, para levar as dotacións e os servizos que demandan os lucenses alí onde viven, dentro da aposta do PSOE por estar ao carón das persoas” destacou Santos Ramos.

0.16186690330505