O PSOE respalda a Morandeira na presentación do programa electoral á veciñanza

TerraChaXa
Morandeira pon en valor “as políticas socialistas que se centran nas persoas” para que Guitiriz continúe medrando a partir do 28 de maio
mitin morandeira guitiriz
mitin morandeira guitiriz
22 may 2023

José Tomé afirmou que “Marisol está colocando a Guitiriz no lugar que lle corresponde” e amosouse convencido de que “vai mellorar os resultados”. Para Ana Prieto “Marisol representa o Guitiriz de hoxe, que busca dar solucións ás reivindicacións da maioría”.

A alcaldesa e candidata á alcaldía de Guitiriz, Marisol Morandeira, reivindicou ao Partido Socialista como “a mellor opción para Guitiriz” e puxo en valor “as políticas socialistas, que son as que centran no benestar das persoas” para que o municipio continúe medrando a partir do 28 de maio.

Morandeira fixo un repaso a todo o feito e ao que está por vir durante un mitin celebrado na Casa Habanera no que estivo acompañada do secretario provincial do PSdeG-PSOE e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, Roca, e da deputada no Congreso, Ana Prieto.

A candidata destacou que “esta lexislatura estivo marcada por algo tan extraordinario como unha pandemia e, aínda así, logramos sentar as bases necesarias para que agora Guitiriz tome o impulso que necesita para seguir medrando”. “E fixemos isto poñendo sempre por diante a atención aos nosos veciños e veciñas, centrando o noso traballo en dar solución aos seus problemas e responder ás súas necesidades”, afirmou.

Marisol Morandeira afronta a cita electoral “coa garantía do traballo feito, que é tanxible, e coa mochila chea de ideas e proxectos para os próximos anos, que algúns xa temos iniciados, como pode ser a ampliación do PAI ou a construción dun punto limpo”.

“No Partido Socialista entendemos as campañas como un proceso no que os protagonistas non somos nós, son os veciños e as veciñas, por iso nós facemos unha campaña en positivo, fuxindo da confrontación”, comentou Morandeira. “Iso deixámosllo a outros, que son máis expertos”, incidiu.

As políticas socialistas para facilitarlle a vida á veciñanza

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, felicitou a Morandeira porque, co seu traballo, “está colocando este concello no lugar que lle corresponde pola súa relevancia para a provincia”, e mostrouse convencido de que, xunto coa súa candidatura, a rexedora e candidata á reelección vai “mellorar os resultados e seguirá sendo a excelente Alcaldesa que é para os veciños e veciñas de Guitiriz”.

Tomé Roca explicou que o concello chairego recibiu “un dos investimentos máis importantes que fixemos dende a Deputación nun concello da provincia neste último mandato”, destinando preto de 5 millóns de euros, dos cales prácticamente dous son para a construcción do Centro de Atención a Maiores, que está en obras e, “agora si, será unha realidade. É o meu compromiso”. “Todo o que fixemos en Guitiriz foi gracias ó traballo da Alcaldesa e do seu equipo de Goberno”, porque, asegurou, Marisol Morandeira “é unha persoa cercana, coas ideas moi claras, eficaz, que fai un labor constante, sempre pensando no mellor para o seu concello, para facérllela vida máis fácil á veciñanza e para gañar cada vez máis servizos e oportunidades, como facemos os socialistas sempre cando gobernamos”.

“Planificar, xestionar e cumprir. Iso é o que fixo a Alcaldesa todo este tempo, e o que seguiremos facendo no próximo mandato. Porque, onde o Partido Popular sempre pon promesas e fume e logo veñen os recortes; no Partido Socialista poñemos feitos, realidades, avances, políticas centradas nas persoas, na defensa dos servizos públicos, na promoción económica e no apoio ó rural”, recalcou o Secretario Xeral dos socialistas na provincia.

Pola súa parte, Ana Prieto destacou “os valores de Marisol, que ten un gran compromiso coa veciñanza e co futuro de Guitiriz” e salientou que “está á fronte dun gran equipo de mulleres e homes para impulsar o proxecto político progresista centrado nas persoas tal e como fixo á fronte da alcaldía e tal e como facemos os socialistas onde gobernamos”.

“Marisol ten todas as cualidades para seguir sendo a alcaldesa que Guitiriz necesita. Ten serenidade, optimismo, e preparación e é unha muller con moita forza, chea de ideas”, comentou Ana Prieto, que anima á veciñanza a apostar pola opción socialista porque “Marisol representa o Guitiriz de hoxe, que busca dar solucións as reivindicacións da maioría. Ela coñece ben o concello e, o máis importante, sabe das necesidades da veciñanza e como aproveitar as oportunidades do municipio para crear riqueza e emprego”.