O PSOE sinala que a Lei de Terra Agraria carece de orzamento

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Martin Seco alerta fronte á “errada moratoria do eucalipto” que supón unha “intervención lamentable” do mercado da madeira.
eucaliptos
14 Maio 2021

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, alertou de que a Lei de Terra Agraria é aprobada sen incorpor compromiso orzamentario e esquivando os controis xurídicos. Seco anunciou a abstención do Grupo socialista fronte a un texto que incorpora unha “errada moratoria do eucalipto” que agocha unha “intervención lamentable no mercado da madeira”.

O responsable socialista explicou que “o único que está xerando no noso monte é inseguridade”, provocando unha “caída brutal dos prezos” dos produtores e a plantación descontrolada do eucalipto. Advertiu de que a decisión do PP “vai potenciar o monocultivo que existe nalgúns distritos forestais e desigualdade no trato” en función da localización das terras.

Explicou que “isto só se soluciona con planificación, control, multifuncionalidade do monte e equidade no trato entre distritos”, mentres o goberno galego optou por presentar a Lei a través do Grupo Parlamentario e non do Consello da Xunta para eludir os informes do CES, dos consellos Agrario e Forestal ou da Asesoría Xurídica da Xunta. Acusou ao PP de provocar “unha merma das garantías democráticas do proceso lexislativo” e evitar o debate sectorial.

O responsable socialista explicou ademais a abstención dos socialistas galegos fronte a unha norma que é aprobada “sen acompañamento orzamentario, medios materiais e de persoal nin un cronograma de actuacións que lle dea credibilidade”. Sinalou que “dificilmente valerá de nada sen a decisión política e o financiamento necesario para levala adiante” nun país que ten “demasiadas concentracións parcelarias paralizadas”.

Intervencionismo

Seco censurou o “cinismo político” demostrado polo PP que pasou de atacar unha falsa política de confiscación de propiedades do banco de terras do goberno presidido por Emilio Pérez Touriño a aprobar unha norma que permite que o Agader asuma as terras de titularidade incerta. Explicou que, grazas ás emendas presentadas polo Grupo Socialista, o prazo para a atribución do ben ao goberno galego pasa dos 5 anos que pretendía o PP aos 10 que figuran finalmente.

Ademais, mentres o PP pretendía ceder o dominio e titularidade do ben, permitindo a súa subhasta, permuta ou mesmo constitución de dereitos reais, a Lei foi modificada para que a administración autonómica “non poida cambiar a titularidade, que só poderá cederlle aos concellos para os usos que figuran na Lei.

A Lei foi aprobada hoxe polo PP incorporando 110 das 250 emendas –entre aceptadas, transaccionadas e subsumidas- presentadas polo PSdeG, incorporando mecanismos de control propostos polo Grupo Socialista, como é a obrigada constitución dunha Comisión de Avaliación e Seguimento da Lei, cunha composición plural e coa voz de expertos e especialistas na materia.

Estes coñecerán os informes de control da xestión económico – financeira emitidos polos órganos de control externo e interno, proporá estratexias e analizará os recursos postos sobre a mesa polo goberno galego.

Agader

Ademáis, transaccionaron a obriga da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural –Agader- de elaborar un plan de acción anual das actuacións en materia de recuperación agraria, sinalando os obxectivos, o orzamento, os recursos dispoñibles e a previsión de resultados. Así mesmo, o Agader deberá remitirlles ao Consello de Xestión da Terra e ao Parlamento un informe bianual coa avaliación do desenvolvemento da Lei.

Martín Seco sinalou que a Lei incorpora ademais diversos instrumentos, que se suman aos xa coñecidos do Banco de Terras, como son o banco de explotacións, os polígonos agroforestais e as aldeas modelo, así como a creación de espazos agrarios de experimentación. As persoas mozas ou emprendedoras poderán aproveitar estes recursos para recibir formación e probar o seu modelo de negocio nun entorno favorable.

0.14595103263855