“O que nos move é tratar de arraigar o baloncesto en Meira”

TerraChaXa
Manuel Huerta Lejo, xogador e tesoureiro do CB Vila de Meira, club que retomou esta tempada a súa actividade despois de 13 anos
cb-vila-de-sarria-naturleite-2
3 Nov 2024

Cando naceu e como xurde a idea?

Desde fai 2 anos, un día a semana solíamos quedar para xogar a baloncesto un grupo de afeccionados a este deporte, tanto de Meira como doutros sitios como A Pastoriza, Pol, Lugo, etc., e isto servíanos para manternos activos, e disfrutar do deporte que nos gusta. Durante o último 3x3 que celebramos en Meira o pasado 15 de agosto, e onde participamos varios compañeiros dos que solíamos quedar habitualmente, foi cando sonou o “click” de recuperar o baloncesto en Meira. Durante esa noite na festa, empezamos a darlle forma, pero sen nada concreto, xa que nos parecía moi complexo. Uns días máis tarde, e xa en frío, xuntámonos, e dunha forma tranquila, empezamos a darlle forma a este proxecto, o cal fomos involucrando tanto a directivos, xogadores, adestrador e patrocinadores, sendo todas estas, pezas clave para sacar isto adiante.

Cantos deportistas e de que categorías teñen actualmente?

Actualmente somos 15 xogadores os que estamos inscritos no equipo sénior, que está participando na Terceira División autonómica.

E adestradores?

Si, estamos moi contentos de poder contar con César Fernández Flórez como adestrador, que coa súa experiencia, nos está achegando moitísimo, tanto a nivel de xogo, fundamentos, competición, etc. Tamén colabora con nos Artai González, preparador físico, e con moita experiencia neste aspecto, o cal para nós, que a maioría temos unha idade, resulta imprescindible, e todo un luxo.

Recollen a testemuña dun club anterior. Onde estaba cando desapareceu e por que?

Precisamente un dos motivos de traballar este proxecto, foi retomar o CB Vila de Meira. O baloncesto sempre foi un dos referentes no concello de Meira, existindo o Club Baloncesto Meira dende o ano 1993. Despois de desaparecer, naceu o Club Baloncesto Vila de Meira que seguiu o camiño marcado polo anterior e continuou na categoría sénior ata o ano 2011, momento no que desapareceu, principalmente pola falta de continuidade nas categorías inferiores, e a imposibilidade de continuar da maioría dos xogadores que compoñían o equipo naquel momento.

En que situación están agora?

A realidade é que xa desde esta mesma tempada estamos competindo na Terceira categoría autonómica, na zona de Lugo-A Coruña-Ferrol. Realmente, como a idea se afianzou a finais de agosto, fomos cos prazos moi, moi xustos para poder arrancar, pero queríamos recupéralo canto antes, non so pensando en xogar o equipo sénior, senón en recuperar canto antes o baloncesto en Meira, para que sobre todo as nenas e nenos de Meira e a súa contorna, tiveran a posibilidade de ver baloncesto.

Cales son os proxectos máis inmediatos de futuro?

O proxecto real que nos move en todo isto, non é outro que tratar de arraigar novamente o baloncesto en Meira, e iso queremos conseguilo en base á visibilidade do equipo sénior e á creación do baloncesto de base, que dea cabida as nenas e nenos tanto de Meira como dos concellos próximos, e que aos que lles guste o baloncesto, poidan practicalo sen necesidade de grandes desprazamentos como ocorre a día de hoxe, xa que para poder practicalo, os nosos nenos teñen que irse á Mariña ou a Lugo, coas dificultades que iso ten para as súas familias, e limitando así o seu crecemento neste deporte. Nun prazo de un ou dous anos, queremos crear unha base, nas categorías de preminibasket, minibasket, infantil, etc., onde sexamos capaces de xuntar un mínimo de nenos, para o cal, estamos planificando varias actividades que mostren aos nenos o baloncesto, e lles dea a posibilidade de practicalo.

E necesidades?

Principalmente dúas: Nenas e nenos e financiamento. As nenas e nenos queremos conseguir atraelos polas actividades que estamos organizando, tanto nos nosos partidos, como en actividades que queremos facer nos colexios, colaboración con outras escolas deportivas, os concellos, etc. Financiamento. O arranque foi moi gratificante, xa que a acollida que nos deron os negocios e empresas de Meira foi espectacular. Damos as gracias publicamente a todos os negocios e empresas de Meira, pero concretamente aos nosos patrocinadores Naturleite, Tibor, Almacenes Méndez, Asesoría Mel, Bicos de Fío, Parrillada O Pozo, Benestar Fisioterapia e Hortícolas Javier Miranda. Ademais disto, tamén temos o respaldo do Concello de Meira, e esperamos contar coa axuda de Xunta e Deputación.

Contan con axuda para manter o club activo?

Si, desde logo que necesitamos axuda, e temos moita a día de hoxe, desde os negocios que nos apoian economicamente ou con material, o Concello que nos apoia tamén de forma económica, pero sobre todo con todas as facilidades nas necesidades que lles transmitimos. Esperamos poder manter isto no tempo, xa que será básico para os próximos anos.

Que nos pode dicir da afección?

En Meira sempre tivemos moita afección ao baloncesto, e iso notouse cando a xente se foi coñecendo que queríamos retomar o club, posto que todo eran mensaxes de apoio e ilusión. Concretamente, o día do primeiro partido na casa foi unha sensación de alegría, nostalxia e satisfacción, xa que cando saímos á cancha a xogar, e vimos as gradas case cheas, foi algo que a maioría dos xogadores e directivos, nos quedará para o recordo.

Ademais da competición, programan outra serie de actividades?

Este punto para nos e básico, xa que sen iso, non conseguiremos levar o proxecto adiante. Estamos traballando en xornadas e visitas de colaboración con Breogán e Ensino como referentes da provincia. Tamén faremos xornadas en colaboración con colexios e escolas deportivas, onde buscaremos activar o gusto polo baloncesto nos nenos de Meira e arredores, así como poder dar a posibilidade de xogalo e competir preto da súa casa os nenos que xa a día de hoxe lles gusta ou incluso o están xogando en equipos de Lugo ou da Mariña. A maiores disto, seguimos pensando novas actividades, que máis ou menos relacionadas co baloncesto, si axuden a impulsar Meira como un referente na contorna.

Cal é a idade máis apropiada para practicar este deporte?

Sempre que queiras, poidas e che guste. Isto vai desde os 4 ou 5 anos ata o límite que ti mesmo te poñas. Nós, concretamente, somos un equipo cunha media de idade moi alta, xa que boa parte do equipo está por riba dos 40 anos, e incluso dos 50, pero iso non nos limita, senón que nos motiva máis, e supón un hábito de deporte nas nosas vidas, que como a maioría, polo traballo e pouco tempo, sempre resulta complicado facer deporte.

E cando se deixa?

Tampouco tes unha idade, moitos de nos facía 10 ou 12 que o deixaramos, e nunca pensáramos en volver, pero por voltas que van xurdindo, pois aquí estamos. Cando o deixaremos?, cando teñamos xente nova que nos xubile! (risas).

Que beneficios achega?

Como calquera deporte, os beneficios son claros a nivel de saúde, xa que a práctica de calquera deporte, sempre é positivo. Ademais diso, é moi positivo a nivel de relación cos compañeiros, xa que volver entrar nunha dinámica de equipo resulta moi gratificante. As vivencias, momentos de ledicia, momentos de cabreo ou rabia... todo iso contribúe como xogador, pero sobre todo como persoa. Pensando na xente máis nova, achega sobre todo valores, que é algo que nós tamén queremos inculcar a todos os nenos que queiran xogar, e que grazas á nosa experiencia como xogadores, pero sobre todo na vida, estamos seguros que podemos facelo, e iso si queda ben gravado nun neno, axudaralle durante toda a súa vida, como así o vivimos moitos de nos.

0.14940118789673