O Racing Club Villalbés presenta unha nova tempada do seu equipo Genuine

O Racing Club Villalbés presentou unha nova tempada do seu equipo Genuine, unha iniciativa posta en marcha en 2022 que utiliza o deporte como ferramenta para favorecer a inclusión e a participación en igualdade. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a concelleira de Deportes, Paula Vigo, acompañaron o club durante o acto de presentación.
O equipo Genuine representa o compromiso dunha entidade histórica e moi arraigada no municipio coa integración a través da práctica deportiva. O Racing Club Villalbés é, ademais, o único club non profesional que conta cun equipo desta categoría, unha aposta que demostra que o fútbol vai máis alá da competición e que pode contribuír a derrubar barreiras.
O Concello de Vilalba tamén puxo en valor o labor diario do Centro Ocupacional Vilalba e a colaboración entre entidades para crear espazos nos que todas as persoas poidan participar, sentirse parte dun equipo e gozar do deporte en igualdade.
A iniciativa consolida así o compromiso do Racing Club Villalbés coa inclusión social e co desenvolvemento dun deporte aberto a todas as persoas, contribuíndo á construción dunha Vilalba máis inclusiva dentro e fóra do terreo de xogo.