O Rácing Vilalbés vence ao Deportivo e ao Lugo B nos trofeos President e Jorge Tato

TerraChaXa
O memorial mantén un marcado carácter emotivo, xa que o torneo serve para lembrar a figura dun dianteiro do equipo xuvenil que faleceu nun accidente de tráfico en 2016
memorial-jorge-tato-vilalba
1 Sep 2026

O equipo Xuvenil A e o Sénior do Rácing Club Vilalbés están a completar unha pretempada positiva despois de impoñerse en dous encontros de prestixio ante os equipos xuvenís do Deportivo e do Club Deportivo Lugo.

No Trofeo President, o conxunto vilalbés sénior conseguiu unha vitoria por 2-1 fronte ao equipo xuvenil do Deportivo, nun encontro no que os goles de Javi Muiño e Make permitiron ao Rácing facerse co triunfo e co correspondente trofeo. O partido contou coa presenza da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, do director de Lactalis, Javier Pozueta, e do presidente do club chairego, Juan Carreira, durante a entrega dos trofeos.

A esta vitoria hai que sumar a conseguida no Trofeo Memorial Jorge Tato, disputado no campo da Magdalena de Vilalba este luns, onde o Rácing Vilalbés Xuvenil A derrotou por 3-1 o Club Deportivo Lugo B, da Liga Nacional. O equipo local ofreceu unha boa imaxe ante a súa afección e logrou un novo triunfo como parte da preparación para a nova tempada.

O Memorial Jorge Tato mantén, ademais, un marcado carácter emotivo, xa que o torneo serve para lembrar a figura de Jorge Tato Rey, mozo dianteiro do equipo xuvenil do Vilalbés que faleceu nun accidente de tráfico en 2016, aos 18 anos. A súa memoria continúa moi presente no club e nun evento que ano tras ano combina a competición deportiva coa lembranza.

0.15906405448914