O recuncho do Marcelino

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
A Casa dos Marios, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
12 Xul 2021

Por Moncho Paz

En xuño de 1977 o Chavito e os seus irmáns decidiron ampliar a actividade comercial da Casa dos Marios coa inauguración dun gran almacén na rúa Xardíns, situado no mesmo emprazamento onde anteriormente estivera o vello ultramarinos do meu avó Mario Xosé. Tratábase de concentrar no mesmo lugar toda a mercancía espallada por garaxes alugados en Vilalba, que manterían posteriormente, mais co único uso de gardar os camións e furgonetas que utilizaban acotío para percorrer os diferentes roteiros de distribución polas provincias de Lugo e da Coruña. O responsable de organización era o meu tío Cándido, considerado por todos o máximo estratego da familia e que nos deixaría prematuramente un ano despois.

Os tres irmáns -Mario, Cándido e Ramón- apostaron por impulsar o negocio, inspirados polo crecemento que estaban a ter Manolo e Roberto Tojeiro, os seus competidores das Pontes, cos que mantiñan unha cordial amizade e coincidían no mesmo planeamento vital, o de situar á familia e ao traballo como principais prioridades. Con esta idea, o Chavito ingresou no Colexio Oficial de Axentes Comerciais de Lugo o 30 de xullo de 1970, un día despois de chegar eu a este mundo. O feito de formar parte da entidade permitiulle acceder aos numerosos cursos de formación que alí se impartían e tamén asistir aos eventos promovidos pola Cámara de Comercio provincial, que lle axudaron a coñecer a moitas persoas influentes do momento, e que no futuro serían clientes ou provedores da nosa empresa familiar.

O crecemento pasaba inevitablemente polo reforzo do persoal e, con esta finalidade, na primavera de 1977 lanzaron varias ofertas de traballo, especialmente orientadas a crear un equipo administrativo sólido e de confianza, ademais de contratar a máis operarios e condutores. Nas oficinas que se abriron na entreplanta do almacén comezaron a traballar Emilio Guizán, Esther Álvarez e Pedro Martínez (Pardeiro), e na parte de abaixo montouse o despacho de xerencia -que compartían Cándido e o meu pai- e tamén a zona de atención ao público, que máis adiante sería coñecida por todos como “o recuncho do Marcelino”.

Nado en Vilalba o 8 de outubro de 1959, Marcelino Criado Currás formaba parte dunha familia numerosa moi coñecida e respectada na capital chairega. Orfo de pai, o Generoso da droguería, comezou na Casa dos Marios ao cumprir a maioría de idade, cando decidiu que non quería estudar máis. Foi daquela cando a súa nai lle dixo que o outro camiño era “aprender un oficio” e animouno a que se presentase a varias das ofertas laborais que por aquela época xurdían de cando en vez en Vilalba, un pobo que se atopaba en aparentes ventos de expansión. Un día de finais de setembro entrevistouse co meu pai e, ao seguinte, comezou o seu quefacer no almacén como aprendiz.

Era un rapaz ledo, de amplo sorriso. Alardeaba coa brincadeira de que o bautizaran como Marcelino en homenaxe ao futbolista galego do Real Zaragoza, que formara parte da temible dianteira coñecida como “os cinco magníficos”, e que pasara do Numancia de Ares ao Galicia de Mugardos, e de aí saltara ao Racing Club de Ferrol, en Segunda División, con tan só dezaoito anos. Posteriormente, chegaría a xogar dez tempadas no conxunto maño, entre 1958 e 1969.

O noso Marcelino era un ser social por natureza, tiña un especial don de xentes. Facíase querer coas súas chanzas e co seu carácter retranqueiro. Foi tal o grao de confianza depositado nel por parte do Chavito, que, co transcorrer do tempo, case pasou a ser un membro máis da familia. Na miña primeira adolescencia eu tiña o costume de achegarme cada atardecer polo almacén, pois gustaba de ver a actividade que alí se desenvolvía, coa descarga de camións, o lanzamento de ofertas e a preparación de pedidos para confeccionar os roteiros semanais de distribución. Lembro un día no que me agasallou cun pequeno coche de Guisval (unha colección que se fixera moi popular na época co rítmico slogan musical “miniaturas en metal”), que gardaba como lembranza do seu pai. Aquel xesto conmoveume e conservei sempre o xoguete coma se fose un tesouro. Marce ensinoume a tallar a madeira con navalla e a facer pulseiras de coiro. A través del coñecín o reggae de Marley e a poesía de Dylan. E compartiamos a nosa querenza polos reloxos dixitais Casio. Cada mañá presentábase no traballo montado nunha bicicleta “de carreiras” de cor laranxa, que me deixaba para pasear mentres el ficaba na oficina, e unha vez por semana íamos xuntos tomar un refrixerio, normalmente no bar Insua ou no Torrelavega. Fumador empedernido, alternaba Ducados con Winston.

Tras unha breve paréntese para facer o servizo militar, Marcelino volveu á Casa dos Marios e permaneceu connosco até 1989, cando eu xa estaba a estudar xornalismo en Madrid. Nesas datas comunicoulle ao meu pai o seu desexo de marchar coa súa parella a vivir en Barcelona, onde aínda residía unha importante colonia de chairegos, para emprender unha vida xuntos e forxar un futuro mellor en Catalunya. De todos os xeitos, sempre mantivemos o contacto e, cada vez que volvía a Vilalba, pasaba pola tenda para saudar ao Chavito e tomar unha cervexa xuntos. Deixounos de súpeto un día de San Ramón, cando regresaba para celebrar as festas en familia. Ironías do destino, nas emisoras de Barcelona soaba a letra de Loquillo: “Mi amigo murió en un accidente de circulación, como un triunfador…”. Contaba trinta e tres anos. O meu pai queríao coma un fillo, nunca o esqueceu; eu tampouco, pois foi o irmán maior que nunca tiven. E cada 31 de agosto adoitaba pedir un brinde por Marce, “alí onde esteas”.

Coche GUISVAL 1
0.086353063583374