O río Madalena de Vilalba incorpórase ao rexistro de augas de baño

TerraChaXa
Tamén se suman, por primeira vez en 2026, o río Bubal-Vilaza (Monterrei) e, no Rosal, o río Miño-Eiras e as zonas de baño do Muíño das Aceñas e de Tamuxe
praia-fluvial-da-madalena-vilalba
12 May 2026

O informe do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia correspondente a 2025 conclúe que na temporada deste 2026 se acadará o máximo histórico con 506 zonas rexistradas pola incorporación de cinco novas praias fluviais.

A Consellería de Sanidade presentou no Consello da Xunta de Galicia os resultados da avaliación da pasada temporada. Destaca o mantemento dunha alta calidade das augas de baño, tanto continentais como marítimas, xa que en 2025 o 89,2 % das augas acadou a clasificación sanitaria de excelente e o 8,5 %, de boa.

Galicia conta así cunha porcentaxe maior de augas de baño marítimas e continentais de calidade excelente ca o conxunto de España e da Unión Europea. Segundo os últimos datos publicados, en 2024, a nivel nacional, o 95,2 % contaban con cualificación boa ou excelente, e o 93,9 % dos países da Unión Europea, fronte ao 97,7 % das augas galegas.

Das 506 zonas de baño do rexistro galego oficial da temporada 2026, inclúense por primeira vez o río Madalena no concello de Vilalba, o río Bubal-Vilaza no concello de Monterrei, e, no concello do Rosal, o río Miño-Eiras e as zonas de baño do Muíño das Aceñas e de Tamuxe, no río Tamuxe.

Para preparar a nova temporada que comezará en xuño, a Xunta inicia esta mesma semana a realización de analíticas previas para constatar a calidade das augas de baño e, de ser o caso, dar aviso aos concellos para que corrixan posibles incidencias.

A Consellería de Sanidade incrementa este ano preto dun 15 % o investimento destinado á recollida das augas de baño, que acada os 205.781,56 euros. Ademais dunha mostra previa ao inicio da temporada, entre o 1 de xuño e o 30 de setembro realízanse controis quincenais. As 5.000 mostras previstas son analizadas no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, en Lugo.

Paralelamente, lévase a cabo a vixilancia sanitaria por parte do corpo de farmacéuticos inspectores de Saúde Pública de todas estas zonas de baño, que realizan unha visita de inspección polo menos unha vez na temporada co fin de avaliar o estado da auga de baño, se existen residuos na praia ou na auga, se existe algún tipo de vertedura ou se está dispoñible e accesible a información ao público.

Tamén se realizan visitas de inspección cando existen episodios curtos de contaminación, denuncias ou reclamacións.

Control oficial

O pasado ano analizáronse 502 zonas de baño en 519 puntos de mostraxe que se encontran en 118 concellos. Na temporada 2026, das 506 zonas de augas de baño analizadas no censo oficial, establécense 523 puntos de mostraxe en 120 concellos.

Nas mostras, a Consellería de Sanidade analiza os parámetros microbiolóxicos de enterococos intestinais e Escherichia coli, en cumprimento coa normativa europea que está trasposta no Real decreto 1341/2007, do 11 de outubro, sobre a xestión da calidade das augas de baño.
Ao final da temporada, cos resultados obtidos nesa temporada e nas tres anteriores, calcúlase a clasificación sanitaria de cada auga de baño mediante o sistema descrito na directiva europea correspondente.

Ademais das analíticas obrigatorias por normativa, Galicia desde hai anos segue as indicacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) e, en todos os encoros da comunidade que teñen zonas de baño incluídas no Rexistro de Augas de Baño de Galicia, realízanse controis de cianobacterias e de cianotoxinas e establécense niveis de alerta en función dos resultados analíticos.

Na temporada de baño de 2025 detectouse a proliferación de cianobacterias, potenciais xeradoras de toxinas, nas augas de baño de Portoquintela e O Corgo-A Rola (no encoro das Conchas, na provincia de Ourense); na auga de baño da área recreativa de Brocos no encoro de Portodemouros, no concello de Agolada; e no regato das Forcadas, en Valdoviño. Recomendouse absterse do baño e de realizar actividades acuáticas cando se detectou toxina no encoro ou un volume de cianobacterias superior a 4 mm3/l.

A vixilancia realizada pola Consellería de Sanidade é importante porque o uso recreativo das augas de baño pode ter perigos e riscos para a saúde. A contaminación bacteriana pode provocar gastroenterite ou enfermidades respiratorias nas persoas que se bañen en augas contaminadas.

Aínda que estas enfermidades raramente son graves, o número de persoas expostas pode ser elevado debido á importante afluencia que rexistran as praias, os ríos ou as lagoas.

Galicia é a comunidade autónoma con máis praias censadas a nivel nacional, cun 22,6 % de toda España. Toda a información está á disposición da cidadanía na web do Observatorio de Saúde Pública de Galicia.

0.13672113418579