O sábado darán comezo as Invernadas de Cine de Cabreiros

TerraChaXa
A IX Invernada de Cine de Cabreiros arrincará o día 23 de outubro ata o 18 de decembro para dinamizar o audiovisual e o rural galego.
invernada cine portada cabreiros
invernada cine portada cabreiros
17 Out 2021

A IX Invernada de Cine de Cabreiros arrincará o día 23 de outubro e dilatarase ata o 18 de decembro para así dinamizar un ano máis o audiovisual e o rural galego.

Serán, como vén sendo habitual na Casa Escola de Cabreiros, e a edición comezará o día 23 de outubro ás 18.30 horas, co documental A poeta analfabeta. Este documental quere dar a coñcer a figura de Luz Fandiño, poeta compostelá, nacionalista e feminista, que se viu obrigada a emigrar na época franquista.

O 6 de novembro ás 18.30 será a vez de Bravas, de Isabel Risco. É unha produción teatral sobre mulleres sen medo, mulleres que forman parte dun valeroso clan. Esta actuación está dentro da programación de verán da Deputación.

O 13 de novembro ás 18.30 será a quenda de desfrutar do filme Negro Púrpura da produtora Illa Bufarda, sobre LSD, multinacionais farmaceúticas, pragas medievais, medicina popular e CIA, conectados por un fungo alucinóxeno coñecido como o ouro negro na Galicia do século XX.

O 20 de novembro celebrarase a presentación do libro Otra educación con cine, literatura y canciones, de Jaume Carbonell Sebarroja e Jaume Martínez Bonafé, este último doutor en Fiolosofía e Ciencias da Educación na Universidade de Valencia. Trátase dun ensaio divulgativo da infancia e da xuventude dentro e fóra da escola, da diversidade cultural e sexual, do pensamento crítico e do profesorado invitado á reflexión.

A presentación apoiarase na proxección da película Buda explotó por vergüenza, dirixida por Han Makhmalbaf, que relata a historia dunha nena afgana que loita por ir á escola e recibir unha formación.

O 4 de decembro ás 18.30 haberá un monólogo a cargo de Oswaldo Digón, un dos cómicos galegos de maior prestixio nesta especialidade.

O 18 de decembro rematará o programa ás 18.30 terá lugar un espectáculo de maxia con Álex Louzao.

Dende a organización lembran que haberá aforo limitado para poder garantir as medidas de seguridade e sanitarias derivadas da pandemia da covid-19, e que para acudir será necesario reservar praza ata unha semana antes de cada unha das proxeccións chamando aos teléfonos 686 104 780 ou 606 282 251.

invernada de cine cabreiros
0.18527507781982