O sábado que vén chegarán ao seu final os concursos gastronómicos As Pontes, Terra de Cogomelos

TerraChaXa
Participarán, tanto novos talentos da restauración e da cociña profesional de Galicia, como persoas afeccionadas á micoloxía e a micogastronomía
tapas-concurso-cogomelos-as-pontes
25 Nov 2024

A final e entrega de premios dos 2 concursos micogastronómicos de receitas a base de cogomelos organizados no marco das cuartas xornadas As Pontes, Terra de Cogomelos, terá lugar o sábado 30 de novembro ás 10:30 horas.

Nesta final participarán, tanto novos talentos da restauración e da cociña profesional de Galicia, como persoas afeccionadas á micoloxía e a micogastronomía. Na categoría profesional búscase nomear ao Mellor Cociñeiro ou Cociñeira de Cogomelos de Galicia, tanto de pratos salgados como de doces. E no concurso de persoas afeccionadas búscase obter as Mellores Receitas a Base de Cogomelos, tamén de pratos salgados e doces. Os 10 cociñeiros concursantes presentarán as súas 10 propostas culinarias.

Elena López, concelleira de Axenda Urbana, Turismo, Deporte e Promoción Económica, apunta que “a actividade do sábado 30 no local Asociación Veciñal A Choupana, está aberta ao todo o público polo que calquera pode asistir como espectador. Ademais de decidirse os gañadores dos concursos de receitas, quérese aproveitar para trasladar o agradecemento do Concello a todas as persoas participantes tanto nos concursos de micogastronomía como na 4ª edición das xornadas As Pontes, Terra de Cogomelos”.

No concurso profesional de pratos salgados, resultaron finalistas Felipe Neto dos Santos co prato Milfollas de pataca e champiñóns con picaña de tenreira, Juan Carlos Agilda Santo co prato Gyozas de boletus e pato con salsa de castañas e fiúncho e María García Lago co prato Crema de boletus edulis con abelás tostadas. E na categoría en doces, as persoas finalistas son Antony Coari Báez con Crema silvestre de trompeta e amendoa con puntos de caqui e aire de amorodo e María Fragoso Gundín con Bombóns de boletus.

No concurso de cociñeiros amateurs, as persoas finalistas en salgados son María Pico co prato Trompeta dos mortos confeitadas con tuétano, puré de pataca e demi glass de lingua de vaca e Fátima Filgueira con Sparassis crispa á carbonara con boletus edulis. E nos pratos doces, as persoas finalistas son Mónica Gómez con Tartaletas de cantharellus, Tomás Rodríguez con Tortitas de cogomelos e requeixo do Eume e Carmen Martínez con Cantareando, carne de mazá con cantarelas.

Na cita do día 30, as persoas finalistas presentarán as 10 receitas de forma presencial, para que o xurado valore e seleccione as receitas gañadoras. O xurado avaliará a orixinalidade, presentación, técnicas empregadas, protagonismo dos cogomelos nas receitas, aroma e o sabor. A entrega dos premios e agasallos realizarase trala deliberación dos membros do xurado, conformado por un representante da asociación Poupariña, un cultivador de cogomelos e unha hostaleira local.

Elena López lembrou que “esta actividade está enmarcada na 4ª edición do programa micolóxico municipal As Pontes, Terra de Cogomelos, cuxo obxectivo é promover durante 2 meses, o achegamento á micoloxía e os diversos aproveitamentos culturais, educativos, científicos, turísticos e gastronómicos na nosa bisbarra e en todo o territorio galego.

Para calquera dúbida ou aclaración, pode contactarse a través das vías habilitadas polo Concello, mediante correo electrónico terradecogomelos@mail.com ou no teléfono 604.047.337.

0.12576293945312